Novas

  • As granxas denuncian unha sensíbel merma na calidade dos crotais subministrados polas OAC da CMR

    As granxas denuncian unha sensíbel merma na calidade dos crotais subministrados polas OAC da CMR

    • 12,Xul 2022
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    A colocación de crotais de identificación animal en ámbalas dúas orellas do gando é obrigatoria. Estas pezas son subministradas pola empresa Felixcan do grupo Datamars e entregadas nas Oficinas Agrarias Comarcais (OAC) da Consellaría do Medio Rural (CMR). Dende fai arredor dun ano, as gandeiras e gandeiros estamos a comprobar unha sensíbel merma na calidade dos materiais cos que están fabricados.

    Estes novos crotais están elaborados cun plástico moito máis feble ca antes, pódendose incluso chegar a separar as dúas pezas do broche cas mans, abrindo polo tanto con facilidade cos movementos dos animais, polo que acaban perdéndose ou rompendo. Estas incidencias están obrigando ás granxas a gastar tempo e recursos en realizar novos trámites administrativos para solicitar duplicados dos identificadores estragados, pagar a taxa de recrotalización e correr cos custos do novo envío, ao que se pode engadir o pago da colocación se é realizada por servizos externos.

    Ademais, a maiores dos problemas para as granxas derivados da mala identificación dos animais, o deterioro ou extravío dun ou dos dous crotais implica penalizacións nas axudas da Política Agraria Común (PAC), entre outras medidas administrativas, recaendo todos os prexuízos nas gandeiras e gandeiros.

    O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) solicitará unha xuntanza ca Consellaría do Medio Rural para abordar esta problemática e garantir a volta a uns identificadores animais seguros e de calidade.