As gandeiras e gandeiros galegos viron en maio, último mes que se recolle no Observatorio de prezos da Xunta, nun escenario de suba continua dos prezos dos produtos lácteos, incomprensiblemente como novamente o prezo medio baixaba dos 30 cts por litro, en concreto 29,90 cts. A situación vira aínda máis dramática para os que entregan menos de 100.000 kg, con prezos medios de 26, 36 cts por litro, 28,01 cts nas granxas entre 100 e 200.000 kg, ou 28,88 cts os de menos de 300.000 kg. Hai que lembrar que a maioría das produtoras e produtores galegos están nestas franxas de produción.
No mesmo período o prezo medio europeo foi de 32, 36 cts litro, esta diferencia de case 3 cts multiplicada por arredor de 234.000 toneladas que Galicia por mes faría que polo mesmo produto a xente gandeira galega perciba aproximadamente 7 millóns de euros menos mensuais. Habitualmente as produtoras e produtores teñen que asumir baixas co pretexto de que diminuíron os prezos dos produtos industriais pero neste caso a suba continua da manteiga e do resto de lácteos serviu para que os prezos medios europeos subiran un 25% nun ano, unha suba que apenas incidiu no agro galego.
Moitas veces tamén se emprega o argumento para a baixa as tendencias noutros países produtores, en concreto e de xeito fundamental os prezos en Francia e en Alemaña. Neste caso este criterio tamén deixou ser importante dado que os prezos a alza, en concreto de media 33,83 cts en Alemaña no mes de maio ou 32,43 cts en Francia no mesmo mes, tampouco se traduciron en alzas para o sector produtor galego.
A Consellería do Medio Rural e o Ministerio deben tomar medidas inmediatas contra estas actuacións abusivas que nalgúns casos como Lactalis suporían de 5 a 8 cts por litro de diferencia entre o prezo acordado en Galicia, arredor de 28 cts de base, e os 0,33 de Francia, con anuncios que chegarían aos 36 cts para setembro. As gandeiras e gandeiros galegos están a sufrir unha auténtica extorsión polas condicións impostas polas industrias, obrigados a asinar uns contratos con todos os termos fixados unilateralmente pola industria, prezos por debaixo de custos, indefensión e baixas xeneralizadas en contextos de prezos na distribución á alza.
A multinacional francesa Lactalis argumentou que a causa dos prezos baixos é a estabilidade no mercado español ou a non renovación nesta época de contratos. Sabemos que isto non se corresponde coa realidade, pois houbo renovacións con grupos e cooperativas nas últimas semanas e fixéronse neste nivel de prezos baixos. O Sindicato Labrego Galego ten denunciado reiteradamente que os contratos obrigatorios sen un prezo de referencia mínimo que garanta a marxe das persoas productoras é unha arma nas mans da industria para extorsionar ao sector, para manter os prezos baixos cando no mercado hai unha mellora de prezos e impoñendo as renovacións nos momentos nos que o mercado teña máis dificultades.
Con todo isto, o sector leiteiro galego, malia a ser un dos grandes motores de moitas zonas rurais, está a sufrir unha sangría continua de peche de granxas (1.100 en 2 anos), endebedamento e situación ruinosa de miles de familias. Preguntámoslle ao Presidente da Xunta como se explica que na lexislatura do rural as industrias podan extorsionar ás produtoras e produtores con tal impunidade ou que se pague o leite en Galicia menos ca en calquera outro lado? Onde están os servizos da competencia para tomar medidas e acabar con estas condicións abusivas? Que foi do acordo lácteo e canto nos están a costar todas as fotografías e reunións que andan a montar sen que haxa ningunha medida real que mellore a situación das granxas? Canto diñeiro público están a recibir as tan cacareadas organizacións de productores lácteos que só serviron para venderlle ao sector outra falsa solución como os contratos sen prezo ou o tan “histórico” acordo lácteo segundo o presidente da Xunta de Galicia?
Agardamos ver con inmediatez que o compromiso da Conselleira e do Presidente da Xunta de Galicia do rural son algo máis ca palabras e hai actuacións nos próximos días para conseguir uns prezos dignos para o leite e acabar con esta discriminación das produtoras e produtores de leite galegos.