Diante do anuncio da Consellería do Medio Rural de que se van habilitar axudas directas, de carácter excepcional, para os produtores inscritos na Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Faba de Lourenzá, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) reitérase no que viñemos dicindo desde que se constatou a catastrófica situación que viviu o sector na campaña 2024:
Non é de recibo, nen xusto, que as axudas directas se dirixan exclusivamente ás 19 explotacións inscritas na IXP: o problema sufrírono todas as produtoras e produtores.
Neste momento, e por moitas e variadas razóns que sería ben analizar, a maior parte da produción non está amparada pola IXP.
Se as produtoras non están certificando é porque non lle atoparon utilidade ou entendían que non lles compensaba; débese incentivar ás produtoras para que se inscriban na IXP, mais entendemos que isto non pasa por deixalos fora dunhas axudas que poden resultar imprescindibles para a súa continuidade no sector.
No SLG entendemos que é necesario consolidar a produción actual: non podemos perder ningunha explotación. É máis: debemos poñer as condicións para que o cultivo da faba, que como recoñece a propia CMR é “un sinal de identidade de toda unha comarca”, sexa unha actividade atractiva e rendíbel para as explotacións actuais e para as que poidan incorporarse no futuro.
Se perdemos produtores e produtoras tampouco vai haber futuro para a IXP.