Novas

  • Aperfasa, Ovica, Fruga e SLG farán marcha-cacerolada en Santiago para pedir solucións aos danos da fauna salvaxe

    Aperfasa, Ovica, Fruga e SLG farán marcha-cacerolada en Santiago para pedir solucións aos danos da fauna salvaxe

    • 29,Abr 2019
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Agora mesmo, as catro organizacións que apoiamos esta convocatoria estamos preparando unha táboa reivindicativa común da que podemos adiantar as seguintes demandas, que van dirixidas a recuperar un necesario equilibrio ecolóxico no que poidan convivir as persoas, as actividades agrogandeiras e a fauna salvaxe:

    1. Control das poboacións de fauna salvaxe: A Xunta de Galicia é a responsábel da xestión da fauna salvaxe na Galiza. Por iso, esiximos da Xunta medidas concretas como a elaboración de censos de poboación das diversas especies silvestres por comarcas para determinar en que zonas existen desequilibrios e actuar en consecuencia. Cando unha especie deriva en praga pode facer insostibles actividades tradicionais como a agricultura ou a gandería, ou mesmo poñer en perigo a supervivencia doutras especies salvaxes.

    2. Cobertura do 100% dos danos: A Xunta debe ser a responsábel civil subsidiaria do 100% dos danos causados pola fauna salvaxe, xa que o seu mantemento e conservación é unha responsabilidade do conxunto da sociedade galega. Por ese motivo, esiximos que se cubra a totalidade das perdas causadas por especies salvaxes e, en concreto, que se cree con carácter de urxencia o fondo de corresponsabilidade previsto xa pola Lei de Caza en 2013.

    3. Control sanitario efectivo da fauna salvaxe: Está a haber un incremento alarmante das enfermidades de carácter contaxioso propagadas por especies salvaxes dentro e fóra de Galiza. Así, estamos asistindo á aparición de novos focos de peste porcina africana, tuberculose bovina ou brucelose no gando; ou a transmisión da Enfermidade de Lyme nas persoas a través da carracha do corzo (Ixodes ricinus), que pode causar graves consecuencias na saúde humana e mesmo a morte. Agora mesmo, non se está a facer practicamente nada ao respecto e debería haber un programa de control sanitario suficientemente dotado en orzamento e medios para evitar futuras crises sanitarias e que involucrase consellarías como Medio Ambiente, Medio Rural e Sanidade.

    4. Financiamento suficiente para as medidas de prevención: Na actualidade, as medidas preventivas contra os ataques da fauna salvaxe son manifestamente insuficientes. Para que a prevención sexa efectiva, cómpre deseñar un plan de maneira coordinada cos diversos axentes dos sectores agrogandeiros e dotalo con suficiente orzamento.

    5. Xestión territorial: A medio e longo prazo é necesaria unha ordenación do territorio, poñendo especial fincapé na xestión do monte e superficies boscosas en estado de abandono na proximidade de zonas con actividade agrogandeira, así como na persecución e denuncia da forestación de terras agrarias.

    Manifestacion 8 maio fauna salvaxe