Novas

  • Aberto o prazo de alegacións para impedir a experimentación transxénica no agro galego

    Aberto o prazo de alegacións para impedir a experimentación transxénica no agro galego

    • 13,Xan 2010
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    As variedades de millo obxecto do mantemento de ensaios baixo supervisión oficial son as seguintes:

    NK603: modificado xeneticamente para tolerancia a glifosato, con número de notificación B/ES/10/9.

    NK603+MON810: modificado xeneticamente para tolerancia a glifosato e resistencia a coleópteros e lepidópteros, con número de notificación B/ES/10/10.

    MON 88017: modificado xeneticamente para tolerancia a glifosato e resistencia a coleópteros, con número de notificación B/ES/10/11.

    MON89034+NK603: modificado xeneticamente para tolerancia a glifosato e resistencia a coleópteros e lepidópteros, con número de notificación B/ES/10/12.

    MON89034+MON88017: modificado xeneticamente para tolerancia a glifosato e resistente os lepidópteros, con número de notificación B/ES/10/13.

    Ao igual que o ano pasado por estas datas1, as multinacionais da biotecnoloxía, coma parte do seu plan de negocios global, seguen a insistir no seu obxectivo de rematar coas variedades autóctonas da Galiza acadando no mercado a imposición total de sementes patentadas, é dicir, privatizadas, que nos leven polo camiño de ter que mercar sementes cada ano -canda os seus produtos específicos asociados, tamén elaborados pola mesma empresa que fabrica as sementes-, impedindo recoller as nosas propias sementes para empregar na vindeira sementeira e penalizando o intercambio de sementes entre as labregas e labregos.

    O Sindicato Labrego Galego, leva dende a década dos noventa alertando da perigosidade para a saúde humana dos alimentos modificados xeneticamente, así coma da estratexia de privatización na que se enmarca a implantación deste novo sistema produtivo agroindustrial, alarma que a día de hoxe fica constatada ao comprobarmos que os dez maiores grupos transnacionais de sementes -adicadas tamén aos agroquímicos- controlan o 67% do mercado2.

    Facendo forza común canda outras organizacións integrantes da Plataforma Galega Antitransxénicos, dende o eido agrario, social, ecoloxista, técnico, de consumidores e consumidoras, etc. seguimos a insistir en denunciar que o agro da Galiza está a ser obxectivo destas empresas privatizadoras da produción de alimentos, promotoras de sementes de toxicidade cientificamente probada3, minando directamente as posibilidades de acadarmos a soberanía alimentaria do noso pobo.

    Até o vindeiro día 17 de xaneiro permanece aberto o prazo para que organizacións e persoas a título individual presenten as súas alegacións.

    O Sindicato Labrego Galego e a Plataforma Galega Antitransxénicos poñen a disposición daquelas persoas e organizacións interesadas modelos de solicitude alegación, que poden ser demandados nos enderezos info@galizasentransxenicos.org ou csanchezparga@yahoo.es

     

     

    ________

     

    1.http://www.sindicatolabrego.com/index.php?s=30&i=122

    http://www.sindicatolabrego.com/index.php?s=30&i=118

    2. Dato proporcionado en outubro do 2009 polo relator especial de la ONU sobre o dereito á alimentación, Olivier de Schutter

    3. http://www.sindicatolabrego.com/index.php?s=30&i=155