Novas

  • A Xustiza e a Consellaría de Medio Ambiente non permiten a Erimsa a explotación do seixo na Terra Chá

    A Xustiza e a Consellaría de Medio Ambiente non permiten a Erimsa a explotación do seixo na Terra Chá

    • 28,Feb 2013
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

     Nos cinco contenciosos que houbo, personáronse a Comisión contra as Minas na Terra Chá, comunidades de regantes, organizacións como o Sindicato Labrego Galego ou Adega, e particulares. Todos os contenciosos se foron resolvendo de xeito negativo para Erimsa ao longo de 2011 e 2012, acadando resolución o último deles en xaneiro de 2013 e cuxa denegación se facía oficial esta mesma semana.

    Paralelas a estes procesos xudiciais, seguiron o seu curso as tramitacións doutras solicitudes de licenza presentadas en decembro de 2008. Tralos períodos de exposición pública e alegacións aos que obriga a lei, os servizos de urbanismo dos concellos afectados pediron informes ás consellarías de Medio Rural, de Economía e de Medio Ambiente, á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e á Deputación de Lugo. O meirande destes informes foron desfavorables e o seu peso decisivo para que, o pasado 28 de xaneiro, a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas lle denegase as licenzas de explotación a Erimsa.

    Aínda que a guerra foi gañada, fica aínda o perigo de que novos cambios lexislativos fagan posible que Erimsa poida explotar o seixo na Terra Chá, aínda que sexa a costa de destruír o entorno e o medio de vida dunha das bisbarras gandeiras máis importantes de Galiza. Por iso, a Comisión contra as Minas na Terra Chá pedirá que se declare a caducidade das concesións por inactividade.

    Nos vindeiros días, a Comisión contra as Minas na Terra Chá convocará a toda a veciñanza afectada polos proxectos de Erimsa para informala dos fallos xudiciais e resolucións administrativas e consensuar as accións a emprender para que a ameaza mineira non se volva repetir; e tamén para agradecerlle o seu firme apoio e coherencia ao manterse contraria a uns proxectos empresariais que hipotecaban o futuro dunha comarca enteira

    Antecedentes

    O conflito das minas da Terra Chá comezou a finais do ano 2006, cando se aprobaron tres concesións mineiras (Alicia, Karles e Pastoriza) que afectaban a máis de 5.700 hectáreas dos concellos da Pastoriza, Cospeito e Castro de Rei e, en menor medida, a Abadín e Vilalba.

    Dende aquela, a empresa presentou licencia urbanística para iniciar a actividade no ano 2008 nos concellos de Castro de Rei, A Pastoriza e Cospeito. Dende o intre da presentación, houbo dous períodos de exposición pública dos proxectos onde a Comisión de Asociacións contra as Minas na Terra Chá, xunto con centos de veciños e veciñas, presentaron alegacións opoñéndose a estes proxectos. Ao mesmo tempo, a Comisión contra as Minas realizou un intenso labor informativo e reivindicativo, participando en varias manifestacións, e organizando dous festivais e ducias de charlas informativas, como a que correu a cargo do investigador responsable do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, Juan Ramón Vidal Romaní.

    Minas non