A Coordinadora Galega por un Reparto Xusto considera intolerábel esta falta de transparencia e participación pública nun proceso do que vai depender o futuro do país.
“É alarmante esta opacidade, porque pode servir para que se rescate só ás grandes corporacións cos cartos de todos e de todas, esquecendo as necesidades básicas de quen realmente sufriu a crise. Esta antidemocrática forma de proceder do goberno galego o único que fai é xerar sospeitas. Preguntámonos se, como aconteceu na crise de 2008, a súa intención é rescatar só ás empresas e deixar á cidadanía ao pairo”, declarou Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego e portavoz da Coordinadora.
A Coordinadora advirte ademais que o programa Next Generation EU está composto por fondos públicos que no futuro teremos que pagar entre todos e todas, polo que é lóxico que o seu uso se someta á participación pública. Só unha parte destes fondos europeos son a fondo perdido, o resto debe ser devolto polo estado beneficiado. Ademais, os fondos cúbrense mediante a emisión de débeda europea, polo que os estados e a súa cidadanía convertiranse en deudores do importe dos mesmos. Asemade, están condicionados á realización de reformas nos eidos laboral e de pensións, e polo tanto teñen que estar suxeitos ao debate e á opinión da cidadanía.
Malia isto, a Coordinadora sallienta que os fondos, ben empregados, poden ser unha grande oportunidade para comezar a impulsar un cambio sistémico no que imperen a xustiza social e ambiental, mais este manexo antidemocrático parece responder á defensa de intereses privados da élite económica e non ao interese xeral.
“Esiximos á Xunta de Galicia transparencia, participación pública e un reparto xusto dos fondos. Sen transparencia non hai democracia. Se pagamos todas, decidimos todas”, conclúe Isabel Vilaba.