Novas

  • A Vía Campesina esixe á Comisión de Agricultura que se deixe de estudos e pase á acción no sector lácteo

    A Vía Campesina esixe á Comisión de Agricultura que se deixe de estudos e pase á acción no sector lácteo

    • 03,Feb 2016
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Para a Coordinadora Europea da Vía Campesina (ECVC), da que forma parte o SLG, a crise actual do sector lácteo e a desesperada situación de produtores e produtoras de leite, esixen medidas que están moito máis alá dos procedementos convencionais da Comisión Europea de atrasar as decisións debido aos novos estudos, avaliacións e á convocatoria de peritos para analizar o que está moi claro para todo o mundo: o completo fracaso das medidas contidas no Paquete Lácteo.

    Para avaliar o funcionamento deste Paquete Lácteo, abonda con mirar pola ventá e contemplar a fiestra de miles de produtores e produtoras en toda a Unión Europea e a desaparición da produción de leite en varias rexións, feitos que foron subliñados por moitas organizacións sectoriais, incluíndo a ECVC e o Sindicato Labrego Galego, despois de que o Grupo de Alto Nivel presentase as súas recomendacións.

    Ao favorecer estes estudos e avaliacións tan estreitos, a Comisión Europea négase a cuestionar as súas posturas erróneas como que a volatilidade do mercado é inevitable e que o problema radica no modelo de organización da produción. É máis, a CE pecha de facto o debate diante doutras solucións, como a restauración dun instrumento público eficaz do control da produción que, entre outras cousas, garanta a viabilidade e permanencia das explotacións leiteiras que aínda seguen en activo, en base a modelos sostibles e todos os territorios europeos.

    A coordinadora Europea da Vía Campesina considera que xa é hora de concluír e aceptar, e non de levar a cabo máis estudos; non avaliar, senón tomar medidas a favor de ferramentas eficaces de regulación pública coa fin de manter prezos decentes e ingresos xustos para os produtores e produtoras de leite, amais de permitir o control e o axuste da produción europea.