Novas

  • A veciñanza da parroquia de Cabanas (A Baña) acode ao Valedor do Pobo para denunciar o impacto económico e social do parque eólico de Vilamartiño

    A veciñanza da parroquia de Cabanas (A Baña) acode ao Valedor do Pobo para denunciar o impacto económico e social do parque eólico de Vilamartiño

    • 20,Out 2010
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Afectad@s de Cabanas 

    O proxecto do parque eólico de Vilamartiño afecta ás parroquias de Cabanas, Lañas, Marcelle e Barro, do Concello de A Baña; e ás parroquias de Rial e Coucieiro, de Val do Dubra.

     

    No caso que nos ocupa, o da veciñanza de Cabanas, os impactos previstos pola instalación do parque poñen en perigo o medio de vida e o entorno do lugar. No prego de alegacións, denúnciase que parte do parque eólico se construirá sobre parcelas de uso agrogandeiro e forestal das que depende a actividade das explotacións da zona. Así, este proxecto enerxético entra en conflito directo cunhas explotacións que levan máis de trinta anos facendo investimentos de mellora, modernización, concentracións parcelarias, etcétera; e que supoñen a única actividade económica que mantén habitada e viva a zona.

     

    Neste senso, existe o problema engadido de que hai parcelas de monte que recibiron axudas públicas para facer plantíos e que non poden allear nin alugar voluntariamente os terreos beneficiados -como acontecería se estes se cedesen ao parque eólico- xa que, de facelo, terían que devolver as axudas percibidas con xuros.

     

    Outra das ameazas que se denunciou foi a que pende sobre os acuíferos existentes nos terreos afectados, varias fontes e mananciais de auga que abastecen á veciñanza e ás explotacións e que se verán irremediablemente afectadas debido a profundidade dos alicerces que sosterán aos aeroxeneradores e ás gabias que se escavarán para soterrar o cableado.

     

    Finalmente, a veciñanza de Cabanas tamén denunciou unha absoluta falla de información da empresa Galinova, redactora do proxecto, e da Consellaría de Industria, para coa xente afectada.

     

    Segundo reza o documento entregado ao Valedor do Pobo, “a instalación do parque eólico supón unha agresión directa ao xeito de vida e ao desenvolvemento da zona”. Por este motivo, e por todo o devandito, o Sindicato Labrego Galego puxo os seus servizos xurídicos ao servizo da Comisión de Afectados e Afectadas polo parque eólico de Vilamartiño para tentar paralizar o que, a todas luces, supón un atentado contra o futuro da parroquia de Cabanas e do seu sostemento económico e social.