Isto implica que as mulleres da Terra Chá están a ser privadas do servizo de xinecoloxía a través da Seguridade Social, xa que non poden pedir cita para consulta no Hospital de Lugo porque se supón que xa teñen esa especialidade en Vilalba. Isto obrigará a aquelas chairegas que queiran acudir a unha revisión xinecolóxica antes de 2015 a recorrer á sanidade privada.
Podemos ilustralo cun caso real: Unha muller que fixo probas xinecolóxicas a mediados de 2012 e recolleu o resultado das mesmas a comezos de 2013; esta paciente debería ter a revisión un ano ou ano e medio despois a máis tardar, é dicir, a finais de 2013 ou comezos de 2014. Sen embargo, no caso de Vilalba esa revisión non poderá ser até o ano 2015, case tres anos despois da proba inicial.
Todo isto foi corroborado, o 4 de novembro, nunha entrevista que un grupo de pacientes afectadas mantiveron co xefe de servizo do PAC de Vilalba, Isidro Álvarez Chorén, quen confirmou que a axenda para citas xinecolóxicas en Vilalba está pechada para o 2014 e pendente de ser aberta para 2015. Chorén explicoulles que a solución a este problema non depende do centro de saúde de Vilalba, senón do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA).
Para a Secretaría das Mulleres do SLG, o que o SERGAS pretende disfrazar como unha mera cuestión administrativa e un tirapuxa sobre se as listas de espera duran máis ou menos, podería ser en realidade unha estratexia premeditada para desmantelar o servizo de xinecoloxía na Terra Chá e, en definitiva, facer un recorte máis na atención sanitaria ás persoas que vivimos no rural. Así o demostra o feito de que este é un problema de vello na Terra Chá, onde o SLG xa ten denunciado a anulación de citas en outono do ano pasado por falla de especialistas; atrasos de varios meses nas revisións; ou listas de espera de un ano para ter cita en xinecoloxía que xa se denunciaron en 2008