Se unha proposta deste tipo se aplicase noutros sectores laborais, os traballadores e traballadoras non terían a posibilidade de ter convenios colectivos nin salario mínimo interprofesional que, por lei, calquera empresa está obrigada a cumprir.
Por todo isto, o Sindicato Labrego Galego anuncia a súa frontal oposición a esta proposta de reforma da política leiteira na Unión Europea, pois a imposibilidade de fixar un prezo digno para o leite suporá que seguirán a pechar, de xeito masivo e paulatino, miles explotacións. De seguir adiante esta proposta de reforma da política leiteira, deixaría nas gadoupas da gran distribución e das industrias, unha vez máis, aos produtores e produtoras, a quen se lle seguirán impoñendo prezos de miseria; e aos consumidores e consumidoras, que se farán aínda máis vulnerables ás marxes abusivas e aos produtos que lles impoñan unhas poucas multinacionais. Se a esta proposta de reforma da política leiteira lle sumamos a da Política Agraria Común que Bruxelas está argallando para o 2013, co desmantelamento do control produción e, polo tanto, de calquera mecanismo que garanta un equilibrio entre a oferta e a demanda, entón teremos diante nosa un panorama catastrófico con caídas aínda maiores dos prezos no sector.