Novas

  • A presenza descontrolada de rata toupa volta pór en alerta ás granxas  da montaña luguesa

    A presenza descontrolada de rata toupa volta pór en alerta ás granxas da montaña luguesa

    • 27,Feb 2025
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    A arvícola terrestris, comunmente coñecida como “rata toupa”, volta ser motivo de preocupación na provincia de Lugo, concretamente nas granxas na zona de Pedrafita. Varias gandeiras afectadas da montaña lucense trasladaron ao Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) estragos tanto nas praderías como na herba ensilada, impactando fortemente na viabilidade económica das mesmas ao implicar unha carestía dos custos de produción vinculados á alimentación do gando.

    Esta situación non é nova, no ano 2020 a proliferación descontrolada deste herbíboro en municipios do sur e leste da provincia causou danos en case dúas mil hectáreas de terreo afectando a varios milleiros de leiras.

    Ao igual que daquela, son tamén agora as granxas as que se están tendo que enfrontar a esta problemática en completa soidade, sen obter a interlocución que cabería agardar por parte da administración. Xa que logo, podemos comprobar que, malia ser esta unha problemática recorrente, non só no foi solventada en episodios precedentes non que segue sen contar cun protocolo de actuación definido pola Consellaría do Medio Rural.

    Demandamos a creación dunha liña de axudas para compensar estas perdas e instamos a CMR a convocar unha xuntanza na que tratar esta problemática a fin de establecer medidas de fondo permitan acadar un equilibrio natural que regule a presenza da rata toupa. Entre as mesmas, dende o SLG consideramos que cómpre valorar estratexias alén do trampeo, apostando tamén por manter nas zonas afectadas unha presenza de depredadores naturais, tales como a donicela, raposo ou as aves rapaces.

    Imaxe: mapa arvícola terrestris Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación