Os concellos tampón son Fisterra, Cee, Dumbría, Vimianzo e Camariñas. Parece ser que a Consellaría de Medio Rural detectou a presenza de Tecia solanivoraen tres plantacións de autoconsumo. Desta maneira, Muxía convértese no primeiro concello afectado fóra dos que xa o estaban no norte da Coruña e Lugo; e fracasa o plan de contención da praga, tal e como vaticionou o Sindicato Labrego Galego (ver artigo Cos sistemas de sanidade vexetal actuais, a couza guatemalteca vén para quedar, de Anxo Pérez Rúa, na páxina 3 do Fouce 315), e tal como teñen criticado organismos oficiais como a propia Comisión Europea. No caso de Muxía, aparte da afectación directa dos concellos da Costa da Morte, preocupa a cercanía da segunda zona produtora de pataca de Galiza: Bergantiños. Esta comarca tivo 1.153 hectáreas dedicadas ao cultivo en 2015, só por detrás da Limia.
Preocupación na veciñanza polo escurantismo e falta de medidas efectivas da Xunta A coordinadora comarcal do SLG na Costa da Morte, Marieta Pastoriza, asistiu a unha xuntanza informativa de Medio Rural en Fisterra o pasado 5 de abril. Tamén houbo charlas semellantes noutros concellos afectados da Costa da Morte. Ese día constatamos o fondo malestar que existe entre a veciñanza, con moitas familias que se negan a levantar os cultivos. Polo que nos explicou a xente afectada, existe a sospeita de que a Xunta oculta información, xa que estraña que a praga se estendese da Mariña a Muxía sen tocar a maior comarca pataqueira do norte de Galiza que queda no medio: Bergantiños. Tamén escoitamos críticas sobre a colocación das trampas de feromonas, con ubicacións impostas dende a Consellaría moi lonxe das leiras. Respecto da xuntanza informativa, houbo perlas do persoal técnico da Xunta como que a couza guatemalteca era “un tema de moda”, ou que a praga comezou en 2015 cando os primeiros casos denunciáronse xa en 2014.
Polo que se informou, as accións da Xunta para erradicar a praga, a maiores das obrigas e prohibicións impostas á veciñanza, limítanse a facer charlas, repartir trípticos e poñer trampas en ubicacións máis que cuestionables para facer estudos. Algo totalmente insuficiente e ineficaz, como proba a expansión da couza. Aínda que a nosa coordinadora comarcal fixo moitas preguntas na xuntanza -como cales eran os controis sobre a pataca de importación, por que non se facilitan datos do avance da praga, se existe a certeza de que o trampeo con feromonas está a ser efectivo, se existe un plan propio para a zona ou se a Xunta ía compensar o lucro cesante- o persoal técnico da Xunta respondeu con evasivas. Tamén denunciamos nesta xuntanza o feito de que o SLG solicitara unha xuntanza coa Consellaría de Medio Rural para tratar este tema dende o 14 de xullo, xuntanza que se acabaría mantendo coa conselleira o 27 de abril (ver páxina 5 do Fouce 319).
O máis interesante da xuntanza de Cee foi, ademais de compartir o malestar e indignación da veciñanza, poder escoitar testemuñas que evidencian que a loita da Xunta contra a couza guatemalteca é un auténtico desastre e que, de seguirmos así, expandirase sen remedio por toda a xeografía galega. Unha desas testemuñas foi a dun veciño da zona que traballa no servizo de aduanas. Explicounos que apenas existen controis do que vén de fóra, e que el mesmo ten visto entrar cargamentos de pataca do estranxeiro sen que se lles faga o máis mínimo control sanitario. Datos como este indican que a Xunta non está a realizar un control eficiente da praga, nin á hora de estudala nin á hora de evitar a súa expansión.
En canto ás axudas para compensar as perdas polas medidas sanitarias aplicadas, publicáronse as bases no Diario Oficial de Galicia do 4 de maio e poderán solicitarse até o 1 de outubro. En resume, as axudas consistirán en:
Para almacéns comercializadores: