Novas

  • A Plataforma Galega Antitransxénicos urxe á Xunta para que se posicione politicamente diante dos Organismos Xeneticamente Modificados

    A Plataforma Galega Antitransxénicos urxe á Xunta para que se posicione politicamente diante dos Organismos Xeneticamente Modificados

    • 19,Nov 2010
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    O encontro iniciouse coa exposición que os cargos da Consellaría de Medio Rural fixeron do traballo desenvolvido no ano 2010 en materia de transxénicos: accións relacionadas coa parcela experimental de Mesía, o posicionamento unánime das comunidades autónomas en relación ás recomendacións en materia de coexistencia da Comisión Europea, ou a asistencia á comisión nacional de bioseguridade.

    Aínda que esta parte do encontro foi positiva, así como o intercambio de pareceres, propostas e inquedanzas posterior; a Plataforma Galega Antitransxénicos botou de menos que a Xunta de Galiza siga sen posicionarse politicamente nunha cuestión tan transcendental para a nosa seguridade alimentaria coma os organismos xeneticamente modificados. Para a PGA, de pouco serve o traballo técnico desenvolvido pola Consellaría de Medio Rural, se o Goberno Galego non fai pública a súa posición diante dos transxénicos. Ademais, dende a PGA preguntámonos en base a que posicionamento e directrices políticas se están a desenvolver todo o traballo e decisións técnicas realizados pola Consellaría de Medio Rural en materia de transxénicos.

    En relación ao devandito, a Plataforma fixo unha chamada de atención diante da pasividade demostrada pola Xunta á hora de pór en práctica o acordo unánime, votado favorablemente polas tres forzas políticas do Parlamento de Galiza, de cara a realizar campañas formativas, informativas e de sensibilización coa problemática dos transxénicos entre a poboación galega; ou a establecer canles de comunicación estables entre a Administración e a sociedade civil neste particular. Diante destes feitos, @s representantes da PGA instaron a Ulloa e a Lamelo a transmitir as súas queixas ao Executivo Galego, e reclamaron que este se exprese e comece a desenvolver as accións acordadas polo Parlamento de Galiza en relación cos transxénicos e cuxa execución lle foi solicitada xa en reiteradas ocasións, sen ter obtido aínda unha resposta.

    Reunión da PGA na Xunta