Nas xuntanzas transmitíronselle as demandas e inquedanzas da Plataforma e das comisións de propietarios e propietarias das UXFOR, consistentes en:
Continuidade do modelo de xestión conxunta dos montes. Xa que se considera que é a única forma viable de pór en valor as pequenas parcelas forestais espalladas por todo o país.
Estado da tramitación dos expedientes de creación das UXFOR e axilización dos trámites administrativos para a súa consecución.
Cumprimento dos compromisos adquiridos pola Administración coas comisións promotoras das UXFOR no tocante á execución de obra forestal e de acondicionamento do terreo, así como á elaboración dos documentos necesarios para a creación e funcionamento das UXFOR.
Neste senso obtivéronse respostas dispares que, en conxunto, pódense valorar positivamente, aínda que non albiscamos unha pronta solución do problema. Así, os Grupos parlamentarios do PSOE e BNG comprometéronse a propoñer iniciativas ó respecto, nas súas distintas formulas (Proposicións non de Lei, preguntas e interpelacións), tanto no Parlamento de Galicia como na Comisión de Agricultura do mesmo e antes do remate do ano.
Ante estas propostas barallouse a posibilidade de que representantes da Plataforma en defensa das UXFOR estean presentes nas sesións onde se plantexen estas iniciativas, co fin de coñecer de primeira man o parecer do Goberno.
Tamén, por parte do Bloque Nacionalista Galego, proporcionaron copia das distintas peticións que xa teñen presentado con respecto á situación do monte en xeral e das UXFOR en particular, no que vai de lexislatura.
No tocante ó Grupo parlamentario do PP, adquiriron o compromiso de transmitirlle ó Director Xeral de Montes as nosas demandas e de intentar axiliza-la xuntanza que temos solicitada co mesmo (dende fai mes e medio).
En canto ás UXFOR, manifestaron a súa concordancia coa necesidade de xestionar en conxunto as pequenas parcelas forestais en mans de propietarios e propietarias particulares e a valorización do monte, se ben advertíronnos de que xa no seu momento cuestionaron a Lei de Incendios e o Decreto que regula as UXFOR, por atopar eivas no seu articulado.
Os representantes do Partido Popular expuxeron asemade o transmitido polo goberno da Xunta ó respecto, e que consiste en que haberá que analiza-los puntos positivos das UXFOR e buscar unha figura para este tipo de xestión do monte, o cal, segundo nos indicaron, será un proceso longo.
Ante isto pedíuselle que se traballe sobre o xa existente, facendo as melloras que sexan necesarias, e reiterouse a importancia de darlle unha saída ás UXFOR que xa iniciaron o proceso de creación e de retoma-los traballos que quedaron paralizados dende a toma de posesión dos novos cargos da Consellería do Medio Rural.