A nova Dirección Nacional de Horta, Froita e Flor do SLG, que se elixiu hoxe de maneira asemblearia, estará coordinada por un labrego de Vedra, Miguel Méndez, como responsábel; e Belén Fervenza, de Redondela, como vicerresponsábel.
Na análise feita do sector hortofrutícola galego denunciouse a grave crise vivida nos últimos anos, caracterizada por uns prezos estancados que, en moitos casos, non chegan nin a cubrir os custes de produción. A isto habería que engadir hándicaps como un asociacionismo moi pouco desenvolvido e a inexistencia de estruturas comerciais fortes. Ademais, o sector arrastra outros problemas como as marxes abusivas da distribución (superiores ao 100% en moitos produtos), o aumento constante das importacións que fai que a práctica totalidade da froita consumida na Galiza veña de fóra, e a preponderancia dun modelo de produción intensivo que provoca a dependencia tecnolóxica do sector (sementes, fitosanitarios, plantas, adubos,etcétera) e serios problemas medioambientais e na saúde dos labregos e das labregas.
Fronte a isto, denunciouse que as políticas impulsadas pola Administración van contra os intereses do sector, que favorecen a concentración do consumo nas grandes áreas comerciais e fan case imposible poder mercar hortalizas e froita fresca procedentes das explotacións locais. A isto hai que engadir que a Xunta de Galicia non existe á hora de ofrecer asesoramento ás explotacións e que está impulsando leis que atentan contra os intereses do sector, como as Directrices de Ordenación do Territorio ou a Lei de Augas.
En canto ao sector da flor, os problemas son semellantes: prezos baixos; aumento das importacións de terceiros países con man de obra barata, sen dereitos laborais e sen garantías sanitarias; dependencia total da tecnoloxía estranxeira; modelo produtivo baseado na aplicación masiva de pesticidas cos conseguintes riscos para labregos e labregas; e perda de confianza na actividade cooperativa como vía para a comercialización.
Diante de todo isto, o Congreso de Horta, Froita e Flor do SLG acordou unha serie de medidas que a Dirección elixida hoxe terá quie defender durante os vindeiros catro anos de cara a solucionar as problemáticas do sector. As principais son:
Demandar unha mesa de prezos, na que se fixe prezo mínimo para cada produto.
Demandar unha axuda para as explotacións de horta, flor e froita, cun máximo por activo de 6.000 euros -contando como activos as persoas cotitulares da explotación-, e cun maximo dunha persoa traballadora por conta allea.
Demandar políticas que apoien e promocionen o consumo de froitas e hortalizas producidas no noso país.
Eliminar as prácticas fraudulentas da distribución no etiquetado (produtos de föra etiquetados coma se fosen do país).
Investigación, control e publicidade das marxes comerciais.
Asesoramento público e plans para reducir os custes de produción e comercialización das explotacións.
Derrogación da Lei de Augas / Eliminación ou modificación das Directrices de Ordenación do Territorio.
Promoción de sementes e variedades hortofrutícolas adaptadas ás nosas condicións edafoclimáticas, dando prioridade ás variedades locais.
Control público dos residuos tóxicos nos mercados finais e programa de seguimento de aplicación dos pesticidas para determinar os riscos reais a que están sometidos labregos e labregas. / Promoción dun modelo de produción sostible e responsable.
Apoio ás canles curtas de comercialización (mercados locais, prazas de abastos, pequeno comercio, restauración, comedores colectivos e públicos, etcétera).

