O Sindicato Labrego Galego manifesta a súa fonda preocupación polas declaracións que nestes últimos días está a realizar a ministra de Medio Ambiente, Rural e Mariño, a galega Elena Espinosa.
O pasado 8 de maio, unhas horas despois de que milleiros de persoas secundaran masivamente as mobilizacións convocadas en catorce cabeceiras de comarca do País, e atopándose de visita na Coruña, a ministra responsábel do Medio Rural declarou descoñecer a gravidade da situación do sector lácteo, así como o feito de que se estiveran a producir importacións de leite ilegais baixo a práctica do dumping.
A pasada fin de semana, uns días máis tarde, declara nos medios de comunicación recoñecer e, polo tanto, asumir, que “el sector lácteo está pasando por una mala situación”, tendo constancia, xa que logo, das nomeadas ilegalidades.
Tras esta toma de consciencia, e logo de máis dun ano de intensificación das mobilizacións no sector lácteo, nas que se inclúe unha manifestación até as portas do MARM o pasado 16 de abril, pódese considerar capacitada para ser responsábel do Medio Rural a nivel estatal a unha persoa que ademais de reaccionar de xeito tan tardío, unicamente se lle ocorre como solución para resolver as ilegalidades convocar ao sector na procura dun “pacto”?
Diante de semellante irresponsabilidade, o Sindicato Labrego Galego insta ao presidente do Goberno, como responsábel máximo do Executivo español, a cuestionarse que equipo ten á fronte dos problemas do sector agrogandeiro do Estado, habida conta de que ademais de amosarse incapaz de comprender as dimensións da problemática do sector leiteiro, sostén teorías abraiantemente incoherentes e afastadas da realidade do sector como afirmar que ningunha explotación vai desaparecer pero as que quedan teñen que redimensionarse.
Até cando vai durar, o redimensionamento do noso sector lácteo, que no ano 2008 tiña 15,000 explotacións e só un ano despois 1.500 menos?
É deber do Goberno actuar contra as ilegalidades poñendo a xustiza e os mecanismos de control para que estas non se dean. A solución deste conflito pasa por unha acción radical, politicamente radical: garantizar un prezo xusto para o leite.