A pesares de que as últimas medidas adoptadas no sector propiciaron que algúns países baixasen o seu nivel de produción, a nivel global na Unión Europea houbo un incremento do 1’5% entre xaneiro e setembro de 2016. Isto notouse en que está a haber unha moi tímida recuperación dos prezos que non chegou ao meirande das granxas galegas, que seguen a vender o produto por valores miserables e ruinosos.
En calquera caso, o mercado non está en condicións de recibir un continxente de excedentes de leite, feito que, de producirse, remataría cos primeiros síntomas de recuperación da crise do sector lácteo e volvería a afundir os prezos.
Porén, a Comisión Europea argumenta que a mellor época para liberar estes excedentes é agora, entre o outono e o inverno, aproveitando a baixada estacional na produción, xa que facelo en primavera ou en verán sería temerario e suicida, habida conta que se dispara a produción de leite. Mais, tanto dende o Sindicato Labrego Galego, como dende a ECVC, defendemos diante do Observatorio do Mercado do Leite que eses excedentes nunca deberían chegar ao mercado e que cómpre buscar vías alternativas para a súa utilización que non inflúan no prezo do leite, como destinalo a alimentación animal.
Esta medida anunciada pola Comisión Europea será debatida no vindeiro Consello Ministerial de Agricultura da UE. Por iso, Isabel Vilalba puxo esta cuestión enriba da mesa na xuntanza mantida hoxe entre a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, e as tres organizacións agrarias, o 24 de novembro. A secretaria xeral do SLG pediulle expresamente a Vázquez que Galiza se posicione en contra da liberación destes excedentes de leite en po, e que interceda diante da ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, para que faga outro tanto no Consello Ministerial de Agricultura da UE. Se realmente, Ángeles Vázquez quere defender o sector lácteo galego, debe ser inflexible nesta petición pois, se este leite en po se libera, o sector recaerá nunha nova crise de prezos da que Galiza nin sequera comezou a recuperarse.