Novas

  • A instalación da fibra óptica no rural está a deixar residuos de cableado polos prados e cunetas de Galiza

    A instalación da fibra óptica no rural está a deixar residuos de cableado polos prados e cunetas de Galiza

    • 22,Mai 2025
    • Posted By : Sindicato Labrego
    • 0 Comments

    Animais, crianzas e material agrícola, en perigo. Un caso é o exemplo de Telefónica Movistar, que está a recoller a liña vella para instalar a nova fibra.

    A instalación da fibra óptica no rural galego está a deixar consecuencias nos prados e cunetas de Galiza, converténdose nun perigo para os animais, as crianzas, a maquinaría agrícola e o medio ambiente. Un exemplo é o acontecido recentemente en Oza-Cesuras (A Coruña), onde vive Eva Rodríguez Rodríguez, gandeira e integrante da Dirección Nacional do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) e da Dirección do Leite do SLG-CCLL. Neste último tempo, varias empresas transcorreron pola zona para instalar a fibra.

    Fío de fibra óptica solto colgando sobre un prado galego, tras os traballos de instalación no rural.

    “A primeira foi A túa Xanela, que foi bastante respectuosa, non atopamos cables; a seguinte Fibritel, que foi peor que a primeira; pero a que máis dano fixo foi unha empresa subcontratada por Telefónica Movistar para recoller a liña vella -que tivo lugar este último mes-, esa foi a que deixou todo feito un desastre…baralladas de claves por todas as partes”, sinala a gandeira, que destaca que esta morea de cableado repercute, como non pode ser doutro xeito, na actividade gandeira, pero tamén na convivencia co medio rural en xeral, xa que calquera animal, incluso salvaxes, poden quedar suxeitos.

    Eva Rodríguez falou coa empresa: “Díxenlle que vou poñer unha queixa, porque como teña un problema cun animal ou cun neno…pódense enredar perfectamente, aínda que non teñen electricidade poden tropezar, as crianzas non teñen porque estar xogando con eses cables. Os meus animais teñen cornos, poden sufrir lesións”, explica. Con respecto ao cableado, como aclara a gandeira de Cesuras, a maioría son fincas abertas e que poden ser un perigo neste tempo no que estamos de sega, se se meten nos tractores poden estragalos, os animais que pastorean poden ferirse con eles, comelos e incluso poden ocasionar a súa morte.

    Por todo isto, dende o Sindicato Labrego Galego denunciamos as malas prácticas que a empresa Telefónica Movistar está a realizar no rural galego coa instalación da fibra óptica e o retirado do antigo cableado. Pedimos que, para mantermos un medio rural san, protexido e libre de riscos para o gando e as persoas, se faga ben esta retirada e se recollan todos os cables que deixaron nas diferentes zonas de Galiza.

    Cable de fibra óptica grosa solta pendurada entre postes sobre unha leira no rural galego, sen sinalización nin recollida.

    O caso de Eva de Cesuras é un de centos que están a acontecer. En Guitiriz, por exemplo, tamén temos constancia de que os cableados están afectando ás zonas rurais, tal e como nos indicaron labregas da zona, onde hai cables enredados e colgando. Non hai moito puidemos ver na canle TikTok un vídeo viral no que unha vaca se enreda nos cables da fibra óptica e deixa sen conexión a parte da veciñanza de Karrantza e a todo o pobo de Lanestosa, no País Vasco. No Sindicato Labrego Galego pedimos tomar as medidas necesarias para que non aconteza algo similar no rural galego. “Polo de agora non tiven ningunha consecuencia directa en ningún animal porque conseguín quitalos a tempo, porque estiven eu áxil e quiteinos pola miña conta, pero si que teño medo”, resalta Eva.

    Cables de fibra óptica amoreados no chan dun prado rural, deixados como residuo tras a instalación.

    Alén diso, dende o Sindicato Labrego Galego denunciamos, tamén, que estas empresas están entrando nas fincas das labregas e labregos onde teñen as colleitas como se nada, sen nin sequera pedir permiso. “Hai que coidar o medio ambiente, non se poden deixar as cousas por aí tiradas, cada residuo ten o seu lugar”, esclarece Eva Rodríguez Rodríguez.

    Restos de fibra óptica enredados nunha liña aérea sobre o rural galego, tras unha instalación deficiente.