Novas

  • A horta está en crise

    • 15,Xuñ 2008
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    As marxes de comercialización (a diferencia entre o que pagan aos labregos e as labregas e a como venden aos consumidores e consumidoras) son un auténtico escándalo.

    O prezo final sube, pero aos productores e productoras cada vez págaselle menos polo seu producto.

    Segundo datos aportados pola COAG a nivel de Estado, confírmase que un labrego ou labrega por unha leituga, só recibe o 30% do prezo final e que a diferencia entre o que percibe e a como se vende no mercado é dun 330%.

    No caso das acelgas, percibe o 19% do prezo final e a diferencia é do 371%.

    Por se esto fose pouco, axúdanse da entrada de produto de fora de Galiza, que se vende coma do país, para conquerir prezos máis baixos.

    As labregas e os labregos non temos, en ningún caso, a posibilidade repercutir nos prezos de venda os incrementos dos custes, polo que moi a miúdo danse situacións onde se nos obriga a vender por debaixo dos custes de producción.

    O SLG xa lle presentou esta situación ao Director Xeral de Producción, Industria e Calidade Agroalimentaria da Consellería do Medio Rural.

    Entre as medidas propostas solicitabamos a convocatoria dunha Mesa de prezos na que estiveramos presentes os Sindicatos e o sector dos compradores.

    Entendemos que ademáis de convocar a Mesa, a Consellaría debe de tomar outras medidas urxentemente para que poda seguir sendo viable adicarse á horta en Galiza e, para que nos comercios do país a cidadanía atope produto galego.

    TÁBOA REIVINDICATIVA DO SECTOR DA HORTA

    En canto ás medidas urxentes que deben ser postas en marcha pola Consellaría do Medio Rural, facemos as seguintes propostas:

    • Incrementar de xeito notable a persecución do fraude que supón vender produto foráneo coma producto do país. – Activar políticas de apoio e fomento da venda de alimentos locais, entre eles os productos de horta.
    • Promover a negociación mediante a convocatoria inmediata da Mesa da Horta.
    • Actuar de intermediaria entre o sector productor e a distribución na consecución de posibles acordos de prezo. O obxetivo será que os prezos en orixe cubran os custes de producción e remuneren o traballo das labregas e dos labregos.
    • Cambio radical do Contrato de Explotación Sustentábel, que contemple a realidade do sector hortícola, e que estas as axudas servan para o fin que ten que ter que é compensar aos labregos e as labregas pola súa multifuncionalidade medio rural.

    O SLG solicitou á Consellaría do Medio Rural a realización dunha Mesa de prezos para o sector.