No intre de visitar Galiza, Sebastián Pinetta atopábase realizando unha xira por Europa encadrada nunha campaña de comunicación internacional, do 13 de maio ao 17 de xuño, para denunciar a problemática xurdida por mor da minaría a ceo aberto en Arxentina, e as consecuencias que está a ter nos medios de vida, no entorno natural e na saúde das comunidades que a sofren. Por parte de ContraMINAcción, participaron na xuntanza Isabel Vilalba, Lara Barros, Margarida Prieto e Xosé Manuel Calvo (do Sindicato Labrego Galego); Belén Llanos e Lola Torrano (de Contramínate Laxe); Iñaki Varela (Verdegaia); Paco García (Plataforma en Defensa de Corcoesto e Bergantiños); Aurora Puentes (Santa Comba Viva); Xoán Doldán (Universidade de Santiago e Véspera de Nada) e Damián Copena (Universidade de Vigo).
Sebastián Pinetta achegou a testemuña directa de quince anos sufrindo a explotación a ceo aberto en Catamarca, ao oeste da Cordilleira dos Andes, por parte da mineira Alumbrera, unha empresa transnacional participada por capital suízo e canadense que extrae 120 millóns de toneladas métricas de minerais ao ano, entre as que se atopan cobre e ouro. Eses quince anos de explotación a ceo aberto serviron para esgotar os recursos hídricos da zona (a mina ten un consumo de 100 millóns de litros diarios de auga, mentres que á poboación do municipio de Belén se lle raciona o subministro), sufrir vertidos tóxicos de metais pesados e cianuro, padecer contaminación electromagnética e mesmo un alto índice de enfermidades respiratorias e casos de cancro entre a poboación.
Esta experiencia ten unha grande importancia para Galiza, xa que anticipa as consecuencias que pode traer canda si o Plan Sectorial de Actividades Extractivas da Xunta. O modus operandi de Alumbrera en Arxentina foi semellante ao que está a acontecer na Galiza con proxectos mineiros coma o de Corcoesto: as empresas desembarcan en zonas deprimidas e empobrecidas dividindo á poboación co ofrecemento de postos de traballo que, ao final, acaban sendo moitos menos dos prometidos. Despois, a súa actividade deixa tras súa un ronsel de destrución medioambiental e dos sectores produtivos tradicionais que traballaban na zona que é “totalmente irreparable e da que ninguén se responsabiliza”, asegura Pinetta. Todo coa conivencia dos poderes públicos, dende os políticos aos xudiciais. Como na Galiza, a única ferramenta de oposición que lles queda ás comunidades afectadas é a loita social de oposición aos proxectos mineiros.
A de Sebastián Pinetta foi, xa que logo, unha testemuña valiosísima que nos pode axudar a anticipar as consecuencias reais que podería ter na Galiza o Plan Sectorial de Actividades Extractivas promovido pola Xunta e a proliferación de explotacións mineiras a ceo aberto no noso país que propiciaría a súa aprobación.