Raso Prazeres estudou Economía Doméstica na Universidade Federal en Fortaleza (Brasil) e, xa na Galiza, interesouse pola Secretaría das Mulleres do SLG “por ser unha experiencia singular que destaca polas iniciativas con perspectiva feminista que leva a cabo dentro da organización sindical. É necesario que existan iniciativas coma esta, pois son fundamentais na loita contra as inxustizas dende unha perspectiva de xénero e mesmo contra a violencia machista”.
Tamén salienta esta economista brasileira a relación estreita da Secretaría das Mulleres do SLG co movemento feminista, feito “moi importante para introducir determinadas cuestións e debates non só entre a mulleres do SLG, senón na propia organización”. Porén, Raso Prazeres chama atención sobre a preocupación das labregas que advirten que a división sexual do traballo lles impide a moitas participar activamente no SLG ou en manifestacións e outros actos. Rebeca Raso explica que isto acontece “porque non están recoñecidas como suxeitos políticos e non teñen o mesmo acceso aos recursos económicos en comparación cos homes. Ademais, recae sobre elas, case en exclusiva, a responsabilidade do coidado de persoas dependentes, rapazada ou traballos do fogar. Aínda que isto acontece en toda a sociedade, esta problemática dáse de maneira máis aguda no rural. Entre as causas deste problema, unha das principais é a menor cantidade de políticas públicas e de servizos no rural para atender as necesidades do día a día das persoas labregas en cuestións como o transporte, a saúde, a educación, o coidado de nenos e nenas ou a atención a persoas maiores. Esta carencia de servizos públicos no rural repercute directamente na vida das mulleres, que os deben suplir decotío co seu propio traballo e sen obter ningún recoñecemento por iso. De aí que moitas iniciativas que leva a cabo a Secretaría das Mulleres do SLG son moi importantes á hora de construír un mundo rural vivo na que todas as persoas teñan cabida“.
