-
A Dirección de Vacún de Carne do SLG prepara unha campaña para traballar na dignificación do sector
- 14,Mai 2018
- Posted By : sicom
- 0 Comments
Os eixes fundamentais desta campaña serán tres:
- Mostrar á cidadanía a importancia socioeconómica do sector da carne de vacún na Galiza para traballar na dignificación social do mesmo.
- Denunciar a difícil situación pola que atravesa o sector, con baixos prezos, dificultade para comercializar as producións ou os ataques permanentes da fauna salvaxe. A maiores, tamén se poñerá o punto de atención noutras problemáticas relacionadas coa organización territorial na Galiza que afectan estas producións, como a perda progresiva de superficie agraria útil e, en consecuencia, as dificultades para traballar en extensivo.
- Tamén se reclamará que as axudas públicas se utilicen para potenciar o sector e non para beneficiar a baixada de prezos ou os modelos de produción intensiva. Precisamente, as axudas deberían favorecer a extensificación e a conservación do medio natural.
A voltas coa fauna salvaxe
Un dos problemas nos que máis se afondou, pola súa gravidade, foi o da fauna salvaxe. Dende o grupo de trabalo da Dirección da Carne seguirase traballando na liña xa exposta diante dos grupos parlamentarios da oposición en Galiza na xuntanza mantida con eles o 28 de marzo: esixir que a Xunta sexa a responsábel civil subsidiaria dos danos causados pola fauna salvaxe e, en consecuencia, indemnice directamente calquera denuncia de ataque unha vez certificados os danos. Outra fronte de traballo ao respecto é a de obrigar aos tecores que cumpran coas súas obrigas como xestores da fauna salvaxe.
Axenda de traballo ateigada para 2018
Como tarefas concretas no sector do vacún de carne para desenvolver o devandito, o grupo de traballo marcou as seguintes tarefas na súa axenda:
- Elaborar un informe propio do sector que recolla as súas principais problemáticas e a importancia económica e social do mesmo.
- Elaborar unha carta de demandas, tanto inmediatas (fauna salvaxe, prezos, etc.) como a longo prazo.
- Traballar estes documentos e informes directamente coa afiliación en asembleas comarcais.
- Levar a campaña ás redes sociais e difundir socialmente estas problemáticas para obter máis apoios e repercusión.
- Elevar mocións á Xunta con todas estes problemas a través dos concellos.
Outros temas tratados na xuntanza do grupo de traballo da Dirección da Carne foi o da necesidade de aumentar a frecuencia das xuntanzas deste órgano do SLG un mínimo de catro veces ao ano. Ademais, vaise estudar a posibilidade de organizar unha viaxe formativa no sector da carne de vacún no vindeiro outono para visitar granxas e proxectos en comunidades como Asturias ou Cantabria.
Imaxe de arquivo do grupo de traballo do sector do Vacún de Carne no marco do congreso sectorial que se celebrou o 11 de febreiro de 2017 en Guitiriz