Novas

  • A Coordinadora Europea da Vía Campesina pide a regulación do mercado para atallar a crise no sector lácteo

    A Coordinadora Europea da Vía Campesina pide a regulación do mercado para atallar a crise no sector lácteo

    • 14,Nov 2015
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Estimados ministros e estimadas ministras,

    Diante da xuntanza do Consello de Agricultura e Pesca da Unión Europea para este 16 de novembro en Bruxelas, a Coordinadora Europea da Vía Campesina (ECVC) quere, unha vez máis, chamar a vosa atención e transmitirvos a nosa fonda preocupación pola grave crise sen precedentes que está a sufrir o sector leiteiro europeo e que está a destruír a economía de amplas áreas rurais.
    Entre outras causas, a crise vén provocada pola liberalización da regulación do mercado provocada pola eliminación das cotas leiteiras.
    A pesares de que o Consello Ministerial e a Comisión de Agricultura aprobaron un novo paquete de medidas para o sector lácteo, o pasado 7 de setembro, a situación do sector leiteiro aínda é crítica en toda Europa debido aos baixos prezos. A presión para baixar o valor do leite que están a exercer a industria, por unha banda, e a distribución, por outra, están a provocar a desaparición dun modelo produtivo que é o que mellor satisfai as necesidades da cidadanía europea en relación a aspectos como a calidade e seguridade alimentarias, o benestar animal, a protección do medio ambiente e o mantemento da paisaxe rural.
    Polo tanto, dende a Coordinadora Europea da Vía Campesina seguimos tendo o convencemento de que é necesario que o vindeiro Consello Ministerial de Agricultura e Pesca recoñeza a situación catastrófica que está a atravesar o sector lácteo a escala europea e, en consecuencia, asuma un compromiso firme para desenvolver e implantar novos instrumentos públicos de regulación do mercado leiteiro, o cal axudaría a garantir un modelo de produción sostible e unha remuneración digna para os gandeiros e gandeiras, sempre partindo da base de que o prezo do leite debe cubrir os custes de produción, e de que debemos salvagardar a continuidade de miles de granxas que seguen a producir a través dun modelo sostible en todo o territorio europeo.