Novas

  • A Cooperativa La Arzuana debe até catro meses de entregas de leite ás súas explotacións socias

    A Cooperativa La Arzuana debe até catro meses de entregas de leite ás súas explotacións socias

    • 26,Set 2014
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Dende o SLG responsabilizamos da crítica situación que están a vivir as explotacións afectadas tanto á Consellaría de Medio Rural, como á directiva da cooperativa. Medio Rural e a Xunta de Galicia son culpables por acción, ao promover por motivos políticos a constitución de Alimentos Lácteos para xestionar a factoría de Leite Pascual en Outeiro de Rei, con cooperativas como La Arzuana, un negocio que remataría por arruinalas a todas; e tamén é culpable por omisión, pois a pesares de ser a ideóloga dunha cacicada que lle custou varios millóns de euros ao erario público, non fixo nada por paliar a crítica situación na que deixaron a un milleiro de explotacións lácteas e a varias cooperativas gandeiras.

    Por desgraza, as que están a pagar os pratos rotos son as explotacións que foron arrastradas a esta desastrosa aventura polos políticos da Xunta e da directiva da súa cooperativa. Diante da vergoñenta pasividade da Consellaría de Medio Rural, dende o Sindicato Labrego Galego poñemos a disposición dos gandeiros e gandeiras afectad@s os nosos servizos xurídicos para prestarlles o asesoramento necesario. De cara a informar ás persoas afectadas polos impagos, o SLG celebrará unha xuntanza o vindeiro mércores, 1 de outubro, na súa sede en Arzúa (rúa Padre Pardo nº 24, 1º D (xunto ao local de Extension agraria), ás 15:30 horas.

    A maiores, se a actual conselleira de Medio Rural, Rosa Quintana, ten a decencia que non tivo o seu predecesor no cargo, Samuel Juárez, debería emprender accións para obrigar á cooperativa a pagar ás explotacións acredoras e para paliar a difícil situación pola que están a pasar e da que, como xa dixemos, son responsables tanto a Xunta como o departamento que ela dirixe.