Afecta a un importante número de granxas, xa que o 62% dos concellos galegos están designados como zonas desfavorecidas. Esiximos comunicación oficial e explicacións. No ano 2023 o SLG xa alertou de que os fondos serían insuficientes para esta medida
En plena recta final dun proceso de tramitación da PAC anegado de incidencias, na mañá de onte información recibida pola equipa técnica do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) alertaba dunha modificación no cómputo de axudas que limitaría o reparto de fondos do Piar 2 do Plan de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galiza, concretamente ás dirixidas ás zonas con limitacións naturais.
Realizadas varias consultas con diversas oficinas do Fondo Galego de Garantía Agraria (FOGGA), confirman o que dende o SLG se viña advertindo. Con 2 millóns menos de orzamento para esta liña que na anterior anualidade, o límite máximo de superficie pola cal se cobraría esta axuda quedaría en, aproximadamente, 51 Has. A metade do que viña sendo até o de agora. Nesta situación, se unha solicitante compromete máis desas 51 Has nesta liña de axudas, perdería o dereito a percibir esta axuda, xa que se corre o risco de que o importe que lle corresponda sexa menor de 25 €/Ha.
A poucos días de rematar o prazo de solicitude, resulta fundamental ter unha explicación oficial por parte das entidades tramitadoras destas axudas para adaptar ás solicitudes xa tramitadas á falta de orzamento desta medida.
Que os cartos non ían dar, xa estaba claro hai tempo. En marzo do ano 2023, a representante do SLG no Comité de Seguimento Rexional do Plan Estratéxico da PAC (PEPAC), a gandeira e economista especializada en políticas agrarias Ana Rodríguez, detectou unha diminución de 40 millóns de euros asociada á medida de zonas con limitacións naturais decidida pola Xunta de Galicia, e advertiu: “Se ben a Xunta afirma que vai convocar estas axudas nos anos 23, 24 e 25 con fondos sobrantes do PDR 2014-2022, os cálculos revelan que sería preciso dispor de polo menos 60 millóns de euros para cubrir estas tres convocatorias, pero dende o Sindicato Labrego Galego non temos ningún dato que garanta que existe unha dispoñibilidade real destes fondos”.
O por que de que a Consellaría do Medio Rural calcule mal constantemente as axudas ás persoas produtoras de alimentos, deixando fóra das mesmas a centos de granxas que cumplen cos requisitos para recibilas, aínda non se sabe a día de hoxe. A opacidade, como vén sendo habitual, marca o proceder da dirección da Consellaría do Medio Rural da Xunta de Galicia.
A cuestión é que, atendendo ao PDR vixente, un total de 537.765,08 ha da Superficie Agraria Útil (SAU) galega atópanse en municipios designados como zonas con limitacións naturais (desfavorecidas ou de montaña) segundo os criterios establecidos na Directiva 75/268/CEE. Esta cifra equivale ao 83% da SAU de Galicia e a propia administración pública distingue esta circunstancia como un dos motivos que explican o déficit de competitividade da agricultura galega. Tendo en conta estes datos, un importante número das granxas galegas situadas en concellos designados como zona con limitacións naturais distintas de montaña -coñecida popularmente como “zona desfavorecida”- vanse ver prexudicadas por esta redución de fondos, redundando unha vez máis na inestabilidade da súa viabilidade económica, así como na visibilización da agricultura como unha profesión sometida á inseguridade de constantes abandonos administrativos.
Ademais, a poucos días de peche de prazo, este cambio implica engadir ao traballo propio de recta final de tramitación da PAC, só no caso do SLG, a modificación de máis dun cento de solicitudes.
Dende o Sindicato Labrego Galego pedimos á Consellaría do Medio Rural que explique cales son as causas de que reiteradamente as convocatorias de axudas da política agraria común europea sexan tan escasas que non dean nin para cubrir as solicitudes que cumpren os requisitos. Observamos incrementos sorprendentes noutros ámbitos, como por exemplo un incremento até os 10M€ en asistencia técnica á Consellaría, pero precisamente o orzamento dirixido ao obxecto principal da PAC, é dicir, garantir e aumentar a presenza de produtores e produtoras de alimentos, é constantemente decimado.
De feito, xa denunciamos no seu momento a redución das axudas agroambientais, e son moitas as posibilidades de que nuns días teñamos que lamentar esta situación tamén nas de montaña.
Dende o Sindicato Labrego Galego esiximos que se doten de orzamento as medidas que verdadeiramente teñen unha incidencia directa nas labregas e nos labregos deste país. Ante a falta de garantía de pago de prezos xustos ás labregas e aos labregos, sen apoio da Administración pública é moi difícil que se produza a tan urxente remuda xeracional que require o agro galego -un 70% do sector xubilarase nos vindeiros anos e incorporarase só un 5%-.
Demandamos un verdadeiro compromiso da Xunta de Galicia coas persoas produtoras de alimentos. Un maior número de labregas e labregos é garantía dunha alimentación saudábel e un medio rural vivo. É moi preocupante asistir á facilidade coa que o presidente Alfonso Rueda ofrece 200 millóns de euros de cartos de todas e todos nós para a polémica macrocelulosa planificada polas empresas Altri e Greenalia, ao tempo que semella non haber cartos para asegurar a produción de alimentos de proximidade no noso país e, por tanto, a supervivencia económica de milleiros de postos de traballo directa e indirectamente relacionados.