En efecto, en Vilalba xa se pode solicitar a bonificación do IBI, que consiste nunha redución do 90% da cota íntegra do imposto para aqueles inmobles de natureza urbana ou rústica nos que se desenvolvan total e exclusivamente actividades gandeiras ou agrarias pertencentes ao sector primario. Esta modificación foi aprobada no pleno do 31 de xullo do 2017.
Para poder gozar desta bonificación, a persoa titular do ben polo que se paga a contribución deberá de ser necesariamente titular da explotación, debendo xustificar a súa existencia e, en todo caso, achegar a seguinte documentación:
• Certificado de Facenda no que conste a situación censal do solicitante.
• Acreditación da titularidade catastral do inmoble.
• Certificado de non ter débedas coa Facenda estatal, autonómica e local, nin coa Seguridade Social
Tamén se podería aplicar a bonificación a outras actividades económicas que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico artísticas ou de fomento do emprego sempre e cando se xustifiquen tales circunstancias. Corresponderá dita declaración ao pleno da corporación.
Dende o Sindicato Labrego Galego valoramos positivamente esta adaptación da normativa á situación económica das nosas explotacións, e vimos de solicitar que, por parte do Concello, se informe á veciñanza para dar a coñecer esta bonificación e que así, as persoas interesadas, poidan realizar a solicitude antes de finais de ano para que se lles aplique no vindeiro ano 2018.
Así mesmo, tamén solicitamos que se aplique a bonificación aínda que a persoa titular do IBI non coincida coa titular da explotación agraria, sempre que estas construcións sexan utilizadas co fin agrogandeiro no ámbito da explotación familiar. É moi habitual que nas explotacións traballen varias persoas e só unha sexa a titular desta, non tendo que coincidir necesariamente a titularidade da explotación coa titularidade dos inmobles nos que se desenvolve a actividade, ou que as titulares das granxas non sexan as titulares do IBI por estar a nome de ascendentes ou familiares.
Ademais, queremos lembrar que, despois de ter rematado o procedemento de regularización catastral en practicamente tódolos concellos, na maioría non se aprobou ningunha bonificación para construcións agrarias. Por iso, dende o SLG facemos un novo chamamento a tódolos concellos galegos con regularizacións catastrais para que sexan sensibles coa situación económica de moitas familias labregas do rural, e adopten medidas que diminúan a carga impositiva das nosas granxas.