Novas

  • A afiliación do sector leiteiro do Sindicato Labrego decide que haberá mobilizacións se o MARM aproba o Real Decreto de contrato lácteo

    A afiliación do sector leiteiro do Sindicato Labrego decide que haberá mobilizacións se o MARM aproba o Real Decreto de contrato lácteo

    • 18,Mar 2011
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

     En canto aos novos cargos elixidos no SLG para coordinar a nova Dirección Nacional do Leite (elixida en asembleas previas celebradas nas zonas leiteiras de todo o país), estará coordinada de novo pola gandeira vilalbesa, Lupe Prado, que xa ocupou esta responsabilidade os últimos catro anos; e por Miguel Sánchez, de Cesuras (A Coruña) como vicerresponsábel.

    Responsábeis do leite

    O relatorio aprobado neste Congreso fixo unha análise pormenorizada da situación dun sector que, na Galiza, seguiu a sufrir unha forte sangría de explotacións ao pasar de 32.000 a 12.000 na última década (tendencia vixente dende comezos dos oitenta, cando había máis de 136.000 explotacións leiteiras na Galiza, que se reduciron a 70.000 a comezos dos noventa). A pesares da brutal reconversión do sector, as expectativas seguen a ser escuras, xa que as explotacións están a sufrir un incremento sistemático dos custes de produción (carburantes, electricidade, auga, alimentación animal, servizos ás explotacións, etcétera), combinado co decrecemento dos prezos do leite en orixe e cun endebedamento agudo debido aos fortes investimentos de mellora e á especulación coa compravenda de dereitos produtivos.

    Hoxe, lonxe de buscarse solucións dende a Administración, as perspectivas son de empeoramento pola teima do Ministerio de Medio Rural en querer impoñer un contrato obrigatorio sen garantía dun prezo que cubra eses custes de produción crecentes e deixe beneficios dignos nas explotacións. Mesmo a proposta para unha nova política leiteira na Unión Europea, só busca a liberalización absoluta do sector para deixalo, enteiramente, en mans dunhas poucas multinacionais da industria e da distribución que xa o dominan: eliminación das cotas en 2015, eliminación de toda regulación dos mercados, negociación de prezos en mans dos grupos de presión e dos especuladores e recorte das axudas.

    Diante desta situación, o Congreso do SLG fixou unha táboa reivindicativa que rexerá o traballo da Dirección do Leite nos vindeiros catro anos:

    Para os mercados:

    • Control da produción a nivel europeo que axuste a produción ó consumo.

    • Regulación dos mercados que evite a “lei da selva” que só beneficia aos máis poderosos e que cheguen a regular toda a cadea de valor.

    • Establecementos de prezos mínimos que cubran os custes de produción e o traballo e que se negocien entre as partes con mediación e arbitraxe da Administración.

    • Establecemento de mesas institucionalizadas onde se leven a cabo estas negociacións.

    • Oposición ás propostas de introducir máis especulación no sector: mercado de futuros, etcétera.

    Para as axudas.

    • Mantemento das axudas ás explotacións vinculadas á actividade e ao traballo familiar.

    • Converter o Contrato de Explotación Sustentable (CES) en axudas que primen a orientación das actividade das explotacións cara a xeitos de producir máis sustentables de xeito real, e non en algo xustificado con papeis e que á maioría das explotación non serve.

    Para as explotacións.

    • Iniciar un traballo mediante o Banco de Terras e outras iniciativas que se poidan poñer en marcha de cara a dotar as explotacións de base territorial suficiente, que permita dar un xiro aos xeitos produtivos dominantes e que teña como fin que as explotacións que o desexen poidan producir elas mesmas o alimento do seu gando.

    • Aplicación de políticas anovadoras que permitan incrementar a renda das explotacións sen aumentar, ou incluso diminuíndo, a súa produción.

    • Establecemento de axudas económicas e técnicas para aquelas explotacións que se decidan a poñer en marcha proxectos de venda directa das súas producións nos mercados locais.

      Dirección do Leite do SLG

    Congreso do Leite 2