Esta denegación está baseada nos informes que varios organismos oficiais (Confederación Hidrográfica Miño-Sil; Consellaría de Medio Rural; Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Mariño; e o propio concello) emitiron na contra dos proxectos, dándolle a razón aos argumentos que sempre defendeu a Comisión de Asociacións contra as Minas na Terra Chá.
De seguido, citamos parágrafos textuais da resolución de Urbanismo da Xunta:
Os diversos colectivos e organizacións que integran a Comisión de Asociacións contra as Minas na Terra Chá[1] reuníronse en Muimenta (Cospeito), o pasado 20 de novembro, para valorar a situación actual deste conflito e congratularse por este primeiro paso en positivo para impedir que a actividade mineira de Erimsa destrúa o medio rural chairego. Así e todo, a Comisión de Asociacións contra as Minas na Terra Chá quere amosar a súa cautela, pois aínda están pendentes de resolver e no último tramo do procedemento administrativo outra licencia na Pastoriza (Pastoriza) e dúas en Cospeito (Karles e Alicia). Dende a Comisión temos claro que estas resolucións teñen que ser negativas para a empresa, dado que as circunstancias a respecto das zonas agrarias de protección, as zonas de protección de augas e as zonas inundables son similares que as da concesión Alicia da Pastoriza. Mais tamén sabemos que a loita continua e que non podemos baixar a garda até conseguirmos anular as concesións, porque aínda que Erimsa non obtivo a licencia para explotar, a concesión segue en vigor e un cambio normativo ou de vontade política pode permitir que continúe adiante cos seus proxectos.
Por outra banda, a Comisión de Asociacións contra as Minas na Terra Chá quere expresar o seu agradecemento ás administracións autonómicas e municipais por informar desfavorablemente a este proxecto. Unha vez máis demostrouse que a loita e a unión da veciñanza poden vencer á forza e aos cartos dunha multinacional como Erimsa.
Antecedentes
O conflito das minas da Terra Chá comezou a finais do ano 2006, cando se aprobaron tres concesións mineiras (Alicia, Karles e Pastoriza) que afectaban a máis de 5.700 hectáreas dos concellos da Pastoriza, Cospeito e Castro de Rei e, en menor medida, a Abadín e Vilalba.
Dende aquela, a empresa presentou licencia urbanística para iniciar a actividade no ano 2008 nos concellos de Castro de Rei, A Pastoriza e Cospeito. Dende o intre da presentación, houbo dous períodos de exposición pública dos proxectos onde a Comisión de Asociacións contra as Minas na Terra Chá, xunto con centos de veciños e veciñas, presentaron alegacións opoñéndose a estes proxectos. Ao mesmo tempo, a Comisión contra as Minas realizou un intenso labor informativo e reivindicativo, participando en varias manifestacións, e organizando dous festivais e ducias de charlas informativas, como a que correu a cargo do investigador responsable do Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal, Juan Ramón Vidal Romaní.

[1] Sindicatos agrarios, asociacións culturais e veciñais, comunidades de regadores, cooperativas agrícolas, comisións de concentración parcelaria, comunidades de montes, etcétera.