Novas

  • 8 de marzo: As labregas apoiamos a Folga Internacional Feminista para transformar a vida das mulleres

    8 de marzo: As labregas apoiamos a Folga Internacional Feminista para transformar a vida das mulleres

    • 05,Mar 2018
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments
    • Polos nosos dereitos como mulleres.
    • Porque queremos transformar a vidas das mulleres e o mundo no que vivimos.
    • Porque queremos que se contemplen e valoren os coidados da vida e o benestar das persoas.
    • Para que a igualdade das mulleres sexa efectiva en tódolos ámbitos das nosas vidas.
    • Para que se loite sen ambigüidades contra todo tipo de violencias que sufrimos polo feito de ser mulleres.

    PORQUE ESTE 8 DE MARZO FACEMOS FOLGA EN:

    NO EIDO FAMILIAR.

    As mulleres asumimos a maior parte do traballo domestico e de coidados no noso entorno familiar. Do tempo que se adica as tarefas do fogar, as mulleres adicamos un 74,45% fronte o 25,55% que adican os homes. No mundo rural, as mulleres labregas normalmente temos a nosa actividade profesional no mesmo lugar no que vivimos. Isto fai que exista unha forte división sexual no noso traballo. A nivel profesional, na maioría dos casos as mulleres labregas ocupámonos de tarefas como os coidados dos animais, a alimentación, a limpeza, o muxido, a conservación de sementes, etc. E, ao mesmo tempo, desenvolvemos esas mesmas tarefas no fogar. Ocupámonos das crianzas, das persoas maiores -en moitos casos dependentes-, da alimentación, etc. Ademais, temos que dicir que os servizos públicos de atención, tanto a persoas maiores como a crianzas, son moi escasos ou nulos nas zonas rurais.

    Todos estes traballos non se contemplan nas estatísticas económicas. Son traballos non remunerados e, polo tanto, non recoñecidos como traballos “produtivos”; non forman parte da “riqueza” dun pais, da súa economía ou do sistema capitalista. Queremos denunciar que ningunha economía é posible sen o traballo dos coidados. A administración aforra cantidades inmensas de diñeiro a costa deste traballo que desenvolvemos as mulleres e que esta totalmente invisibilizado e non remunerado. Isto fai que, en moitos casos, fagamos dobres ou triplas xornadas de traballo.

    NO EIDO LABORAL

    As mulleres sufrimos máis o desemprego que os homes. Un 58% das mulleres están no paro e esta cifra increméntase se falamos de mulleres mozas. Non podemos esquecernos da fenda salarial (diferencia entre os salarios que perciben os homes e os salarios que percibimos as mulleres) situada na actualidade nun 23%. Estes dous feitos contribúen a que as nosas pensións sexan máis baixas (unha media de 346 euros menos). Na nosa profesión labrega, a consecuencia disto e que as pensións ás que temos dereito as mulleres labregas son entre un 33% e 35% inferiores ás dos homes.

    Moitas labregas non son titulares da granxa na que desenvolven a súa profesión, a pesares da Lei 35/2011 de Titularidade Compartida que o fai posible. A lei recoñece esta situación de desigualdade, que priva ás mulleres dos seus dereitos laborais sobre a granxa, que fai que carezan de ingresos propios malia a traballar da mañá á noite os 365 días do ano e, en moitos casos, négalles o dereito a cotizar á Seguridade Social. A pesares de que as estimacións apuntan a que hai unhas 33.000 mulleres nesta situación, dende a aprobación da lei só solicitaron a titularidade compartida 17 granxas galegas.

    NO EIDO SOCIAL

    Seguimos sufrindo agresións sexuais na rúa, no lugar de traballo, camiños con inseguridade e medos, sen que se adopten as medidas urxentes que garantan a nosa integridade. A lista de mulleres asasinadas tódolos anos non deixa de medrar, mentres se aproban leis sen orzamentos e as que temos non se cumpren na súa totalidade. No entorno rural, debido ao illamento que moitas veces sufrimos, é difícil saír de situacións de violencia machista; moitas veces, a vítima só fala co agresor.

    POR TODO ISTO E POR MOITO MAIS, REIVINDICAMOS:

    • O dereito a unha vida digna.
    • Que a igualdade sexa real.
    • A dignificación e recoñecemento dos traballos de coidados e reprodutivos.
    • A corresponsabilidade dos homes e das administracións nas tarefas dos coidados, xa que son responsabilidade da sociedade no seu conxunto.

    PARA VISIBILIZAR A SITUACIÓN NA QUE VIVIMOS E VISIBILIZAR AS NOSAS REIVINDICACIÓNS COMO MULLERES CONVOCAMOS ESTA FOLGA O 8 DE MARZO

    Esta folga, a diferencia doutras,

     É UNHA FOLGA DE MULLERES

    É UNHA FOLGA DE COIDADOS

    Organízate para que no teu entorno sexan os homes quen se encarguen das tarefas que habitualmente recaen en nós: alimentación, traballos domésticos, crianzas, persoas maiores, dependentes, etc.

    É UNHA FOLGA LABORAL

    Non acudindo o noso posto de traballo

    É UNHA FOLGA DE CONSUMO

    Significa tentar consumir o mínimo posible o día 8 de marzo.

    Folga Feminista Labrega 18