O risco de exposición a substancias tóxicas na agricultura é elevado. Os produtos químicos utilizados na agricultura son fertilizantes, produtos fitosanitarios (insecticidas, fumigantes e herbicidas) e combustibles. Outros axentes con potencial carcinóxeno que podemos encontrar na agricultura son solventes, aceites e fuel, virus, parasitos e fungos.
As exposicións laborais aos produtos fitosanitarios son moi frecuentes e a súa utilización incrementouse notablemente para aumentar cos conseguíntes riscos. Ademais, os antiparasitarios son utilizados con fins de saúde pública e en ambiente doméstico. A exposición a fitosanitarios presenta efectos a longo prazo que inclúen tumores, efectos inmunolóxicos, neurotóxicos e reprodutivos. Os praguicidas poden aplicarse á semente, o chan, o cultivo ou a colleita, xa sexa con equipos de fumigación ou pulverizadores. Despois da aplicación, a exposición aos praguicidas pode producirse por escape de gases, dispersión por acción do vento ou contacto coas plantas a través da pel ou a roupa. O contacto coa pel é o tipo máis frecuente de exposición profesional.
Debido á súa toxicidade intrínseca, na maior parte de países existen complexas e específicas normativas que prevén a realización dun esixente procedemento de valoración do risco antes da comercialización da substancia. A avaliación do risco tras a comercialización ten lugar durante o uso do praguicida e valora o risco para o traballador exposto. Os datos procedentes da avaliación do risco constitúen a base da vixilancia sanitaria específica dos traballadores
A valoración e a xestión do risco para a saúde derivada do uso de praguicidas en agricultura é unha tarefa complexa pero esencial dos especialistas en medicina do traballo e toxicoloxía. Os agricultores/as experimentan un maior risco de certos tipos de cancros, como os que afectan ao cerebro, o estómago, os sistemas linfático e hematopoiético, o labio, a próstata e a pel. A exposición á radiación solar e a praguicidas (especialmente herbicidas) relacionouse cunha maior incidencia de cancro nas poboacións rurais.
FACTORES DE RISCO TÓXICOS E CANCERÍXENOS