Novas

  • 25N: Unindo forzas para visibilizar e esixir medidas para rematar ca lacra da violencia machista

    25N: Unindo forzas para visibilizar e esixir medidas para rematar ca lacra da violencia machista

    • 24,Nov 2021
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Vivimos varias crises estruturais na actualidade; no social, no económico no climático e no alimentario e estámonos enfrontando a unha crecente feminización da fame e da pobreza. Continuamos vendo como, ano tras ano, os gobernos seguen recortando os orzamentos destinados a financiar os servizos públicos esenciais para o desenvolvemento das persoas (ensino, sanidade, servizos sociais…), así como en políticas de igualdade, loita contra exclusión social e a pobreza, loita contra a violencia machista, políticas de vivenda, políticas de emprego… e esto tamén é violencia institucional e afecta directamente ás mulleres. Tamén seguimos sen contar con mecanismos eficaces de punición dos agresores e de acollemento das vítimas para crebar o ciclo da violencia contra a vida das mulleres.

    Dende a Secretaría das Mulleres do SLG-CCLL e dende La Vía Campesina, demandamos de xeito urxente dereitos para as mulleres e comunidades labregas, xa que non é posible seguir producindo alimentos en medio de desigualdades e dificultades como a precariedade, os altos custos de produción e os baixos prezos dos alimentos, a migración, a sobrecarga de traballo doméstico e coidados, directamente relacionados co recorte de servizos públicos e ademáis das dificultades de acceder a dereitos fundamentais como o dereito á terra, á auga, á xestión de bens naturais, a financiamento dos nosos proxectos labregos…

    As Mulleres labregas deben de exercer os seus dereitos sen discriminación de todos os dereitos humanos e as liberdades fundamentais establecidas na Declaración de Dereitos Labregos aprobada pola ONU.

    É por iso que dende a Secretaría das Mulleres do SLG-CCLL e desde La Vía Campesina chamamos ás nosas organizacións membros, amigos e amigas e persoas e outras organizacións aliadas a unirse neste 25 de novembro, realizando e organizando xunto a outros colectivos e movementos marchas, foros, feiras e demais accións de denuncia para esixir aos estados políticas públicas a favor dos nosos dereitos.