A manifestación do 22 de abril será a culminación dunha intensa campaña de asembleas que se estiveron a facer por toda Galiza dende marzo e que, esta mesma semana, pasará a un plano máis mediático a través de roldas de prensa en Ourense, Pontevedra, Lugo, Vigo e Compostela.
Afondando máis nos motivos destas mobilizacións, en primeiro lugar cómpre destacar a modificación da Lei de MVMC, a través da Lei de Acompañamento dos Orzamentos. Esta permitirá á administración facer unha xestión cautelar do monte cando este se declare en estado de abandono ou no caso de que desapareza a comunidade veciñal titular do monte. Considerarase abandono se se dá algunha destas circunstancias:
Esta xestión poderá ser exercitada pola administración competente ou mediante a encomenda a entidades ou empresas de capital público. Tamén pode ser alugada, a través do Banco de Terras, por un período de ate 50 anos. Neste último caso, e aínda que se constitúa unha nova comunidade de montes ou xunta provisional, o reinicio da actividade non será posible ata o remate da cesión ou arrendamento.
Por outra banda, trala presentación da primeira revisión do Plan Forestal de Galicia (PFG), vemos que o texto defendido pola Xunta segue a ter un marcado carácter produtivista de madeira de ciclo curto, incluíndo a posibilidade do aproveitamento de cultivos enerxéticos.
Este plan non asegura que se respecte unha superficie agraria útil dun terzo do territorio galego, que sería o idóneo para garantir a nosa soberanía alimentaria; nin fai fincapé na recuperación dos terreos forestados ilegalmente. Iso si, o PFG propón un aumento da superficie de eucalipto e non limita a plantación do nitens.
Respecto das frondosas autóctonas, o PFG enfócaas cara á conservación e non cara a un aproveitamento das mesmas, xunto coa recuperación do tecido industrial asociado.
Os aproveitamentos de pastos, apícolas ou de froitos están relegados a segundo plano e asociados á existencia de espazos abertos fronte á masa forestal, sen darlle unha importancia económica.
Finalmente, en materia de lumes forestais, non prevé unha revisión do servizo extinción de incendios nin hai unha aposta clara pola prevención.