O vindeiro mércores 17 de abril, as organizacións integradas na coordinadora global La Vía Campesina conmemoramos o Día Internacional das Loitas Labregas, unha xornada de acción global que nos reúne para lembrar ás vítimas da masacre de Eldorado do Carajás (Brasil) en 1996 e pór en valor a resistenza do campesiñado en todo o mundo e a nosa loita pola xustiza social e a dignidade.
Multitude de accións reivindicativas e eventos terán lugar ao longo dos case un cento de países onde LVC ten presenza a través das súas 182 organizacións integrantes. Dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) desenvolveremos o espazo “Voces labregas que loitan pola terra”, un conversatorio online na que daremos a coñecer experiencias de loita na Galiza fronte ao acaparamento de terras e a depredación de recursos no medio rural .

O 2024 comezou coas masivas protestas en Europa, Asia e outras partes do mundo contra políticas as agrícolas lesivas para o campesiñado. Estas manifestacións non se limitan a buscar prezos xustos e unha vida digna para as persoas produtoras de alimentos, senón que tamén expresan a necesidade dunha sociedade orientada cara a un futuro onde prevaleza o modelo de produción agroecolóxico sobre as prácticas destrutivas do agronegocio e que se garanta a xustiza social e a dignidade de todxs.
As nosas loitas campesiñas, arraigadas fondamente nos principios da Soberanía Alimentaria, procuran establecer un sistema inclusivo que promova as economías rurais e os medios de vida das persoas labregas. Recoñecendo a Soberanía Alimentaria, a Agroecoloxía Campesiña, o acceso popular á terra, ao territorio e aos bens comúns como solucións xenuínas ás crises globais.
O movemento labrego global LVC avogamos pola implementación da Declaración das Nacións Unidas sobre os Dereitos do Campesiñado e outras Persoas que Traballan en Zonas Rurais (UNDROP), un instrumento internacional crucial para abordar as crises multifacéticas que enfrontan o campesiñado. Ademais, demandamos o establecemento dun novo marco de comercio internacional baseado na cooperación e a Soberanía Alimentaria para desafiar o sistema de comercio neoliberal que perpetúa a fame.
Simultaneamente, estamos a prepararnos para o Foro Mundial Nyéléni en 2025, que convocará ao movemento internacional pola Soberanía Alimentaria para enfrontar os desafíos da fame e a pobreza mediante o avance do desenvolvemento e o fortalecemento das economías locais.
Este 17 de abril, ocuparemos todos os espazos para reafirmar con contundencia a nosa vontade por fortalecer a Soberanía Alimentaria nos nosos territorios. Animamos a todos xs membros, aliadxs e simpatizantes da Via Campesina a mobilizarse e conmemorar esta data, unidxs nunha soa voz de solidariedade para apoiar as loitas campesiñas contra as crises globais.