Os estados deben garantir comida sa, culturalmente axeitada e impedir a escaseza de alimentos para as súas poboacións, loitando contra a fame e contra toda práctica de especulación dos oligopolios transnacionais. É urxente investir en agricultura labrega e manter vivos os mercados labregos e feiras de proximidade, coas medidas sanitarias pertinentes, orientadas á Soberanía Alimentaria dos pobos e a respectar os Dereitos Labregos. Neste contexto, ademais é inminente promover políticas públicas a favor das maiorías, que dean prioridade á atención a sectores vulnerables como os traballadores e traballadoras agrícolas, mulleres, emigrantes e a clase traballadora das cidades.
La Vía Campesina, este #17Abril2020, afirma #QuedaNaCasaPeroNonEnSilencio e denuncia os múltiples asasinatos, desaloxos, bloqueos económicos, criminalización da loita despidos masivos, precarización da vida, neglixencia dos estados, e mesmo prácticas fascistas, patriarcais e militares contra os pobos en tempos de Covid19, e antes tamén. Esta crise amósanos, unha vez máis, a urxencia dun cambio profundo do sistema capitalista, que non funciona e que é insostible e incompatible coa natureza e a vida.
É o intre de propoñer mudanzas estruturais nos sistemas agroalimentarios e no só programas asistencialistas. Avecíñase fame en moitos países pola corentena, e a falta de investimentos na agricultura labrega pode traer graves consecuencias.
A nosa tarefa como La Vía Campesina é alimentar os pobos, e queremos seguir facéndoo. Entendemos que a produción de alimentos sans non pode parar, e que é a primeira liña de loita contra o Covid19. Pero para iso precisamos que, durante e despois da crise, se proporcionen condicións dignas e seguras para o campesiñado.
Como La Vía Campesina este 17 de abril comprometémonos a seguir traballando de forma colectiva en cada curruncho do planeta, e con toda a nosa vocación solidaria e internacionalista. Convocamos á sociedade para tres tarefas improrrogables que temos para saír da crise e que teñen que ver co día a día dos pobos rurais: Labrar respostas á emerxencia, sementar alianzas e solidariedade, e apañar en tempo de recesión económica polos nosos dereitos como campesiñado e clase traballadora. A resistencia continúa!
Precisamos trazar regos mediante fondas transformacións das sociedades, traballar na minga é fundamental; sociedade civil, pobo organizado e estados, a favor das grandes maiorías por xustiza e dignidade:
Políticas públicas: Cómre entender a integralidade das políticas públicas na vida das persoas, sobre todo defender a educación, a saúde e mellores condicións de vida para a clase traballadora do campo e da cidade. Temos a tarefa de recuperar os servizos públicos privatizados. Os gobernos que desmontaron os sistemas públicos agora están enfrontando os seus graves erros.
A Soberanía Alimentaria é clave para alimentar as poboacións de maneira sa e sostible. É urxente abrir os mercados labregos e feiras de proximidade para fornecer as cidades e evitar a fame. Os estados deben garantir a compra pública de alimentos da agricultura labrega durante a emerxencia, mentres os labregos e labregas producen alimentos coa agroecoloxía para elevar a inmunidade das poboacións sen velenos, nin agrotóxicos, algo que as grandes cadeas de supermercados non garanten.
É tarefa dos estados garantir e investir en saúde pública de calidade. Neste contexto de Covid19, é urxente facilitar probas gratuítas e tratamentos completos, sen discriminación, no rural e nas cidades, cun firme compromiso pola vida. Denunciamos intentos de aproveitar a crise para privatizar servizos ou para lucrarse.
En materia de políticas públicas a favor da clase traballadora, denunciamos prácticas abusivas de empresas privadas e transnacionais, despidos masivos, traballo escravo de xornaleiros e xornaleiras, con longas xornadas e sen seguridade, fumigacións directas, pago de até o 60% do salario, etc. Os estados non poden deixar que esta decisión quede en mans das empresas. Ao contrario, deben regular a favor das maiorías, na crise e despois da crise. É importante actuar con rapidez, decisión e coordinación. As medidas correctas e urxentes poderían ser a difernecia entre a supervivencia e o colapso.
Dereitos Humanos e Dereitos Labregos: En medio de ventos de guerras, militarización, criminalización e morte, mesmo dentro da corentena, é urxente defender a bandeira dos Dereitos Humanos, a paz, a protección da vida das persoas que defenden os territorios. Basta de violencia, morte e impunidade en Colombia, Brasil, Ecuador, Honduras, Palestina, Filipinas e no resto do mundo!
É indispensable garantir os Dereitos Labregos tal e como recolle a declaración aprobada pola ONU en 2018. Precisamos terras, sementes e todas as condicións para alimentar de forma segura as poboacións. Neste sentido, mellorar as infraestruturas no campo, incrementar a dispoñibilidade de alimentos, facilitar o acceso a servizos financeiros rurais, como créditos e financiamento, permitiría investir na produción agroecolóxica, promovendo o aumento da produtividade da terra e do traballo. Nesta crise, precisamos expandir a área de cultivo e aumentar a produtividade a través dunha reforma agraria popular e da agricultura labrega en harmonía coa natureza, proporcionando alimentación saudable ás poboacións e arrefriando o planeta.
Esta crise tamén é unha oportunidade de espallar sementes, preparar o terreo para outro modelo de sociedade e de sistema agroalimentario, e para iso precisamos alianzas que xermolen, a solidariedade e o internacionalismo deben ser os valores motores da nosa construción:
En medio da recesión económica que vén tralo Covid19, é urxente apañar bos froitos para a clase traballadora, o campesiñado e as grandes maiorías. O tempo é agora!
Demandamos dos estados:
O tempo é agora! Labrar, sementar e apañar! #DereitosLabregosXa
Internacionalicemos a loita, internacionalicemos a esperanza!