Dísenos que non hai cartos para a sanidade e o ensino públicos, que o sistema de pensións é insostible, que é preciso seguir reformando o mercado de traballo, mentres privatizan os bens máis básicos como a auga. Dinnos que non hai cartos, para nós! Dinnos que non hai recursos, para nós! Dinnos que hai que baixar salarios e pensións, os nosos… Xa está ben!
Este 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres, mulleres galegas de diferentes colectivos queremos denunciar a precariedade histórica á que estivemos sometidas polo sistema capitalista, baseado en que os esforzos sempre recaen sobre a mesma parcela da sociedade: a clase traballadora e os sectores populares. O suposto plan de actuacións contra a crise responde a motivos ideolóxico-políticos moito máis que a fundamentos económicos e, no caso das mulleres, as políticas de axuste están a ter un efecto perverso sobre as nosas condicións de vida e un retroceso de lustros nos dereitos que mediante anos de loita feminista acadamos.
A actual ofensiva patriarcal está alcanzando cotas insospeitadas. Só así se explica o recrudecemento do machismo nas institucións, a ausencia de políticas feministas reais, a eliminación de organismos como o Servizo Galego de Igualdade, os Centros de Información ás Mulleres e de orientación afectivo-sexual, os impedimentos para acceder a métodos contraceptivos e, sobre todo, a última proposta de derrogar a Lei do aborto, que ten o seu punto de partida na retrógrada Lei da Familia. Dita normativa só pretende instaurar o control alleo sobre o noso corpo e sexualidade, volvendo a situar ás mulleres na esfera doméstica.
Paralelamente, estamos a soportar unha vertixinosa escalada da precariedade laboral, que se expresa nunha cada vez maior temporalidade, no aumento da contratación a tempo parcial e en salarios insuficientes que impiden o goce dunha vida digna, plena e autónoma. Esta situación, que afecta a toda a sociedade, ten unha meirande repercusión nas mulleres debido aos maiores obstáculos para acceder e permanecer no mercado laboral en igualdade de condicións.
Se falamos das mulleres labregas hai que engadir as dificultades para acceder á titularidade das explotacións aínda hoxe e, no caso das mulleres migrantes e das empregadas do fogar, a situación agrávase, posto que á inseguridade laboral hai que sumarlle a xurídica.
Increméntase a explotación xa que sobre nós seguen a recaer as tarefas do fogar e de coidado de menores, maiores e persoas en situación de dependencia. Traballo invisible que non conta con remuneración nin recoñecemento social algún, imposto pola desigual asignación de roles entre homes e mulleres e que esta crise non fai senón acentuar.
Que as mulleres non somos nada para os poderes políticos, relixiosos e económicos que nos gobernan é tan evidente que non só se reflexa en que sexamos as que máis gravemente sufrimos as consecuencias da crise, senón tamén en que as primeiras institucións desmanteladas foron as que traballaban pola igualdade, información e protección ás mulleres. Neste alarde de machismo, superioridade e hipocrisía, os diferentes gobernos renuncian garantir o dereito das mulleres a vivirmos sen violencias, ignorando a súa consecuencia máis extrema: máis de 70 mulleres son asasinadas só no estado español cada ano.
Como é posible que, nesta realidade, se eliminen as políticas de igualdade e educación sexual?
Por todo isto, neste 8 de marzo, as mulleres feministas galegas en loita polos nosos dereitos, ESIXIMOS:
Domingo 11 de Marzo, sae á rúa connosco para berrar polos nosos dereitos!
Participa na mobilización que sairá ás 12 horas da estación de tren de Compostela!