O centro médico de Muimenta estivo varios meses inoperativo pola baixa da súa médica titular sen que o Sergas lle asignase unha persoa para substituíla. Aínda que a doutora de Muimenta vén de incorporarse á súa praza, dende os colectivos que estamos a desenvolver esta campaña pediuse, coa presentación das sinaturas, que esta situación non se volva repetir e que as baixas laborais da médica, sexan por enfermidade sexan por descanso ou vacacíóns, se cubran, de aquí en diante, de maneira efectiva e sen privar á poboación de Muimenta e das localidades veciñas do seu dereito a unha atención sanitaria digna.
Entre as persoas que presentaron as sinaturas, atopábase a nosa compañeira Margarida Prieto Ledo, no centro da imaxe, coordinadora do Sindicato Labrego Galego na Terra Chá. Os outros colectivos que apoian a campaña son: Asoaciación Cultural e Veciñal Aquilino Iglesia Alvariño; Asociación de Comerciantes, Empresarios, Profesionais, Gandeiros e Autónomos de Muimenta; Asociación Cultural, Veciñal e Deportiva dos Xogos Tradicionais de Muimenta (XOTRAMU); Carabullo, Asociación Cultural e Xuvenil de Muimenta; Club de Tenis de Muimenta; e S.D. Muimenta.