Este importe, que a Administración decideu repartir en función da cota láctea coa que conte cada explotación, vai supor o pago de aproximadamente 0,00895 € por cada kg. de cota, é dicir, moi lonxe de tan sequera ser un céntimo por kg. de cota.
Na Galiza, onde a cota media por explotación establécese arredor dos 177.000 kg , suporá que o meirande número de explotacións perciban arredor de 1.584,15 € de axuda directa, cantidade a todas luces insuficiente para que as familias que viven da produción leiteira no noso país poidan facer fronte ás débedas contraídas ao longo destes últimos meses.
É unha obviedade que con un pago único de 1.584,15 € non se evita o peche de explotacións que, por unha banda, están afogadas de débedas e, por outra, seguen a baixarlle o prezo do leite que venden, impedíndolles ser autosuficientes e vivir do seu traballo como entidades “maiores de idade”, presas do coercitivo sistema de subvencións que mantén atado ao sector produtor dende que a alimentación entrou na Organización Mundial do Comercio (OMC).
Neste senso, hai que salientar que esta cantidade está encadrada dentro das axudas directas de mínimis permitidas pola Unión Europea, e esta só permite conceder un máximo de 7.500 euros por explotación en 3 anos. Co cal, dado que moitas explotacións xa se viron beneficiadas por algunha outra axuda directa de mínimis dende o 2006 (ver listado no arquivo adxunto), é moi probábel que non poidan percibir o importe íntegro que lles correspodería por esta axuda directa ao sector leiteiro, ademais de ficar limitado o uso deste instrumento cara o futuro.
En todo caso, para o SLG o sistema de pago por Kg de cota proposto pola Administración non é positivo. Dende o Sindicato Labrego Galego valoramos que as axudas haberían de establecerse en base a criterios sociais, primando o mantemento de postos de traballo.
A axuda debería ser concedida por UTA (Unidade de Traballo Agrario, ou o que é o mesmo: postos de traballo na explotación), o que na Galiza, onde as explotacións son maiormente familiares, suporía un xeito de darlle axudas directas ás familias.
O que fica claro é que a solución á crise do sector leiteiro non vai vir dada por unha medida puntual de inxección de capital circulante. O problema do sector é, como é sabido, de carácter estrutural: NON NOS DEIXAN VIVIR DO QUE VENDEMOS. Cedendo ás leis do libre comercio, favorecedor das condicións das que gostan as multinacionais, os gobernos están eludindo a responsabilidade de establecer por lei un prezo mínimo para o noso produto, un soldo base para o noso traballo.
No caso do Estado español, esta deixadez nas responsabilidades é inda máis grave ao contarmos coa resolución do Parlamento español, emitida no mes de abril, no que se insta por unanimidade ao Goberno á fixar un prezo mínimo para o leite como produto de primeira necesidade.
Na reunión mantida na mañá de hoxe, o SLG emprazou ao Conselleiro até setembro para liderar unha forte campaña política polos cambios nas políticas agrarias e de mercado na Unión Europea. Ou o facemos deste xeito, sinalámoslle, ou a Xunta de Galiza terá que aportar inxentes cantidades de cartos públicos no orzamento do 2010 para compensar as continuas crises de prezos e evitar o peche das explotacións.
Agardamos que dunha vez por todas, polo ben de quenes muximos vacas e de quenes non o fan, a Administración asuma que resulta máis barato para as arcas públicas establecer medidas de control do mercado que andar a compensar logo as perdas mediante inxeccións de cartos. Estamos fartos e fartas de ser un sector subvencionado, e inda por riba mal. Queremos vivir do noso traballo.