Novas

  • Alertamos do risco de perder categorías Reserva da Biosfera se os seus órganos xestores seguen a ignorar as ameazas de industrialización intensiva destas áreas naturais protexidas

    Alertamos do risco de perder categorías Reserva da Biosfera se os seus órganos xestores seguen a ignorar as ameazas de industrialización intensiva destas áreas naturais protexidas

    • 24,Abr 2024
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) vén de presentar alegacións complementarias aos Plans de xestión das Reservas da Biosfera (RB) de Terras do Miño e dos Ancares Lucenses e Montes de Cervantes, Navia e Becerreá, ao trasladársenos nas mesas sectoriais -espazos de traballo convocados específicamente para a aportación de ideas e opinións a estes plans de xestión- que as alegacións que presentamos nos seu momento non van ser tidas en conta.

    Nestas achegas complementarias, reiteramos que é necesario proceder á valoración de impacto de diversos proxectos sectoriais integrados ou que eventualmente poidan integrarse no territorio destas RB. Referímonos concretamente a proxectos industriais en tramitación, como polígonos industriais eólicos, fotovoltaicos ou explotacións mineiras, avaliando a ameaza real que estes supoñen ou poden supoñer para estes territorios protexidos.

    De feito, nesta mesma liña, a principios do presente mes solicitamos informes e presentación de alegacións ás Reservas da Biosfera afectadas pola macrofábrica de celulosa de ALTRI e Greenalia (Terras do Miño, As Mariñas Coruñesas e Terras de Mandeo e Ribeira Sacra e Serras do Oribio e O Courel).

    Nos últimos anos temos detectado -non só as organizacións agrarias e ambientais senón tamén se ten constatado por parte do servizo de Medio Ambiente da Deputación provincial mediante os informes e alegacións presentadas a varios proxectos-, importantes amezas de proxectos industriais, os xa existentes que si están recollidos no Plan, pero tamén múltiples en fase de tramitación, moitos deles eólicos, parques fotovoltaicos, explotacións mineiras e agora ultimamente mesmo unha macrocelulosa, isto é unha realidade constatable á que non podemos dar as costas”, expón a nosa vogal nos órganos de participación das devanditas Reservas da Biosfera, Margarida Prieto Ledo. “Entendemos que non se pode tentar potenciar actividades económicas compatibles cos valores da Reserva e pechar os ollos ante a invasión de proxectos industrias que ameazan o rural destes propios espazos protexidos”.

    Margarida Prieto fai fincapé nas alegacións presentadas na pertinencia de incorporar a estes plans de xestión para a década 2024-2034 as recomendacións recollidas no Informe sobre viabilidade das instalacións eólicas, fotovoltaicas e termosolares, particularmente a repotenciación e infraestruturas asociadas nos territorios declarados “Reserva da Biosfera”, elaborado polo Consello científico do Comité español ho Programa “Home e Biosfera” (MAB) da UNESCO, destacando que é de fundamental importancia atender ás análises e indicacións das propostas séptima e octava de dito Informe, trasladadas literalmente nas alegacións complementarias presentadas:

    SÉPTIMA. Difícilmente puede llevarse a cabo un proceso de participación si no existe posibilidad de disponer de la información sobre las actuaciones que se pretenden llevar a cabo y las implicaciones que estas pueden tener sobre la población humanan, especialmente la local, y la que vive de la explotación de otros recursos naturales en el mismo territorio. Sería lógico la existencia de un único portal con toda la información generada por los distintos expedientes vinculados al proceso de participación pública, información que debería ser accesible de forma permanente e integrada en un sistema de información geográfica implantado en la web. Las Reservas de Biosfera son el escenario idóneo para experimentar modelos avanzados e innovadores de participación e información sobre los usos y aprovechamiento del territorio, así como de las áreas contiguas a estas.”

    OCTAVA. (…) Dada la riqueza que supone la diversidad de situaciones que la Red española ofrece, cada reserva de la biosfera debería llevar a cabo su propia reflexión sobre la mejor forma de contribuir en la proporción que le corresponda al objetivo común de despliegue de las energías renovables atendiendo a sus circunstancias específicas. El resultado de esa reflexión debería plasmarse en la revisión de su respectivo plan de gestión cuando corresponda.”

    Cada dez anos hai unha avaliación xeral, ademais da que realiza cada ano o programa MaB da UNESCO a través do seu Consello Científico seguindo unha serie de indicadores que temos que ir cumprindo. Atendendo aos datos do o Informe Macroeólicos Galicia (IMG, 2022) realizado por organizacións sociais e entidades veciñais, a ano 2022 xa co proxectado daquela 1.942 aeroxeradores quedarían dentro de Reservas da Biosfera e o 25,68 % da superficie das Reservas da Biosfera de Galicia quedaría dentro de poligonais industriais, afectando unha superficie de 132.825,86 ha. Está claro que de seguir así o risco de que nos retiren a categoría RB é manifesto”, advirte Margarida Prieto. Consideramos que igual que é importante inventariar plantas invasoras e acometer plans para a súa erradicación no espazo da reserva, debemos facer unha aposta por inventariar, monotorizar e valorar na súa xusta medida a ameaza que estes proxectos industriais van supoñer no futuro para a conservación dos valores ambientais, e socieconómicos a protexer”, conclúe.

    De non ser tidas en consideración estas novas achegas presentadas, entendemos dende o Sindicato Labrego Galego que os Plans de Xestións das dúas Reservas non cumprirán coa finalidade que regulamentariamente teñen.