-
O SLG inicia unha campaña de presentación de mocións para activar o apoio dos concellos ao sector leiteiro galego
- 30,Nov 2021
- Posted By : sicom
- 0 Comments
O Sindicato Labrego Galego iniciou hoxe no Concello de Arzúa unha campaña de presentación de mocións en todos os concellos galegos nos que a produción láctea é representativa e moi importante desde un punto de vista económico.
O alcalde, José Luis García, recibiu hoxe a unha representación do SLG formada por gandeiros e gandeiras do Concello de Arzúa e o Responsable do Sector Lácteo do SLG, Manuel Villaverde. Neste acto, entregaron a moción e expuxeron a delicada situación que está vivindo, unha vez máis, o sector lácteo galego.
O Concello de Arzúa é, segundo os datos da Estratexia do Sector Lácteo, un dos 10 concellos de Galiza que concentran o 30% da produción. En setembro de 2021, segundo datos da Seguridade Social, o Concello de Arzúa tiña 502 persoas afiliadas na Agricultura. Estas son as que dependen directamente da actividade gandeira, pero temos todas as persoas que traballan na estrutura de servizos á actividade gandeira que está asentada no mesmo Concello.
É por iso que pedimos a implicación da corporación municipal do Concello de Arzúa para que asuma as demandas que o SLG formula na moción, e para que inste ao Presidente da Xunta a tomar a iniciativa no paquete de medidas que propoñemos:
A convocatoria urxente da Mesa do Leite e con carácter permanente. A Consellaría do Medio Rural ten a obriga de facer cumprir a Lei da Cadea Alimentaria, polo que ten que tentar tódalas vías posibles para recuperar unhas condicións que garantan a viabilidade de toda as granxas galegas.
- Que o Ministerio recolla a obrigatoriedade de crear índices de referencia vinculantes para impedir prezos e condicións abusivas.
- Que a Consellería sexa a encargada da realización e actualización deses índices de referencia obxectivos e representativos da realidade das granxas galegas.
- Que se estableza un sistema de mediación que impida os abusos sobre a parte produtora e que garanta que os contratos non sexan de adhesión. Dito sistema de mediación será en Galiza . Tendo a maior rexión produtora do estado, non é normal ter que acudir a cortes de arbitraxe ou sistemas de mediación en Madrid.
- Que ningún operador lácteo, sexa industria ou primeiro comprador, poida operar se non ten aval suficiente para o pago do leite, ou se teñen detectado faltas de pagamento con anterioridade. O falta de pagamento do leite non pode ser un mecanismo de financiamento de industrias en crise ou mal xestionadas. As granxas non son entidades financeiras.
- Establecer unha liña de traballo urxente coas Administracións para reducir os custos de produción. Impedirase a especulación coas materias primas, acabarase coas tarifas eléctricas que penalizan á produción de alimentos, axudas a programas de desintensificación.
- Compromiso por parte do Concello de non mercar leite de empresas que estean a pagar prezos inxustos aos gandeiros e ás gandeiras galegas, decantándose por marcas galegas que merquen e procesen o leite na Galiza. E , se fora posible, consumo de leite e queixo producido e transformado na comarca.
-