Novas

  • O TSXG ratifica dúas sentenzas contra os proxectos mineiros de Erimsa na Terra Chá

    O TSXG ratifica dúas sentenzas contra os proxectos mineiros de Erimsa na Terra Chá

    • 19,Xan 2021
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    As pretensións de Erimsa con estes litixios fronte ao Concello de Cospeito buscaban a reactivación dun procedemento iniciado en 2008 e, polo tanto, caducado, para obter autorización para a súa actividade en territorio cospeitense. Porén, esta empresa con capital chinés e domicilio en Noruega, non subsanara deficiencias tan relevantes como a falta de informes sectoriais favorábeis por parte de diversos departamentos da Xunta de Galicia. Entre outros argumentos, as sentenzas din que é incuestionábel que o expediente de autorización autonómica previa rematou nunha resolución firme desestimatoria. Sentenza que, polo demais, lle impón as costas á empresa mineira.

    TRES LUSTROS DE LOITA E DERROTAS PARA ERIMSA NA TERRA CHÁ

    Estas sentenzas contrarias súmanse ás ditadas no ano 2016, onde se lle denegaba a licenza municipal para as concesións Alicia e Karles, en Castro de Rei e Cospeito, previa denegación da autorización autonómica.

    Cómpre lembrar que Erimsa obtivo as concesións mineiras Karles, Alicia e A Pastoriza a finais do ano 2006 para extraer seixo en diversos municipios chairegos. Estas concesións afectan case 6.000 hectáreas de alto valor agronómico nos concellos de Vilalba, Abadín, Riotorto, Cospeito, A Pastoriza e Castro de Rei. No ano 2008, Erimsa solicitou as licenzas de actividade, xurdindo unha forte oposición veciñal e dos governos municipais. A raíz deste rexeitamento, formouse a Comisión de Asociacións contra as Minas na Terra Chá, cuxo obxectivo foi manter informada a veciñanza sobre as consecuencias da explotación mineira e iniciar unha loita que, case quince anos despois, segue desenvolvéndose nos tribunais con estas sentenzas.

    Nestes anos, dende a Comision contra as Minas na Terra Chá, solicitamos reiteradamente á Xunta a declaración de caducidade das concesións mineiras. Porén, a día de hoxe seguen en vigor dun xeito totalmente irregular. Por iso, dende a Comisión de Asociacións contra as Minas na Terra Chá celebramos esta nova victoria xudicial e agardamos que a Xunta declare definitivamente a caducidade das concecións para rematar con este pesadelo.