-
O SLG denuncia a opacidade de Medio Rural na crise da couza da pataca e a exclusión dxs labregxs da súa xestión
- 02,Dec 2020
- Posted By : sicom
- 0 Comments
- O levantamento parcial da prohibición, do que loxicamente nos aledamos, seguiu o mesmo procedemento que o da imposición da mesma e a súa prórroga durante estes catro anos pasados: a opacidade. Non coñecemos que datos motivan a apertura nuns concellos e o mantemento do peche noutros, de igual maneira que descoñecemos a xustificación do emprego do límite municipal (fronte ao parroquial, por exemplo) á hora de abrir e pechar territorios.
- Denunciamos a inexistencia dunha fonte transparente de datos sobre as capturas de couza realizadas e a súa evolución porque a Consellería de Medio Rural non incluíu as organizacións agrarias como lexítimas representantes dos labregos e das labregas afectad@s nin no deseño da estratexia nin no seu seguimento. Tampouco foron incluídas as explotacións que se dedican profesionalmente á produción de pataca, cuxa afección foi moi superior ao resto e deberían ter sido cando menos informadas puntualmente.
- A maiores, o anuncio do levantamento do peche coñeceuse a través dos medios de comunicación sen que existise, previamente, ningunha información oficial. Esa nova fíxose pública a finais de novembro, nunhas datas nas que a semente debería estar sendo xa encargada, xerando consultas e chamadas urxentes ás que non podemos dar resposta dende as organizacións agrarias e nin sequera dende as oficinas agrarias comarcais, xa que, coma nós, só coñecen os datos publicados pola prensa.
- Diante desta situación, desde o Sindicato Labrego Galego solicitamos á Consellería de Medio Rural a publicación dos resultados da mostraxe de 2020 que xustifican o mantemento do peche na maioría dos concellos mariñáns. Cómpre rematar coa opacidade, a improvisación e iniciar unha nova senda de maior cooperación e transparencia en beneficio do noso rural e dos labregos e labregas, tanto quen viven profesionalmente da actividade agraria, como aquelas familias que teñen no cultivo de pataca unha das súas principais vías de obtención de alimentos de produción propia.