Ese día, tamén se presentaba o MANIFESTO que apoiamos dende as organizacións e que queremos que entre na axenda das diversas administracións e gobernos, que semella que sempre teñen outras prioridades que atender antes de facer nada para enfrontar esta crise. Precisamente, o manifesto comeza pedindo que se declare de maneira inmediata a emerxencia climática e que se tomen as medidas concretas necesarias para reducir rapidamente a cero as emisións netas de efecto invernadoiro.
Os últimos informes do IPBES (Plataforma Intergobernamental de Biodiversidade e Servizos Ecosistémicos) alertan de que o aumento da temperatura global provocará o deterioro irreversible de ecosistemas terrestres e mariños e a extinción dun millón de especies, achegándonos a un punto de non retorno fronte ao cambio climático.
No punto de mira, o actual sistema dominante de produción e consumo sería o responsábel dunha mudanza “que pon en risco a nosa supervivencia e impacta de maneira inxusta especialmente nas poboacións máis pobres e vulnerables do mundo. Non responder con suficiente rapidez e contundencia á emerxencia ecolóxica e civilizatoria suporía a morte de millóns de persoas, ademais da extinción irrevogable de especies imprescindibles para a vida na Terra”.
As organizacións asinantes pedimos que se declare “a emerxencia climática e se tomen as medidas concretas necesarias para reducir rapidamente a cero as emisións de gases con efecto invernadoiro. E isto só se pode acadar “abandonando o uso de combustibles fósiles e apostando por unha enerxía 100% renovable”.
No eido agrícola, coñecemos recentemente un informe da Axencia Europea de Medio Ambiente, dependente da Unión Europea, que advirte de riscos para a agricultura galega por mor das secas máis severas. Este informe afirma con rotundidade que “a produción agrogandeiro diminuirá e mesmo terá que ser abandonada en partes do sur de Europa e rexións mediterráneas por mor do incremento dos impactos negativos do cambio climático”.
Aínda que Galiza non será das zona máis afectadas, que estarán en torno á rexión xeográfica do Mediterráneo, si advirte que deberemos prepararnos de aquí en diante para unha maior escaseza de auga. O informe di textualmente que “na área mediterránea en particular, incluíndo a maior parte de Portugal, Galicia en España, o norte de Escandinavia e a Turquía mediterránea, o incremento da severidade das secas será máis pronunciado“. En concreto, na Galiza, especialmente no suroeste da nosa terra, a perda de humidade estaría entre o 12% e o 24%.
