Galiza é un dos países máis envellecidos de Europa, rexistrando unha das taxas de envellecemento máis altas, con maior número de persoas maiores e dependentes no medio rural.
Existe evidencia científica de que a aprendizaxe continuada mellora a capacidade de envellecer con saúde, porque facilita adquirir ou manter destrezas, habilidades e capacidades que son importantes para afrontar esta nova e longa etapa da vida de maneira activa, satisfactoria e saudable.
Para vivir en casa sempre, requírense entornos domiciliarios e comunitarios accesibles, con servizos a domicilio e de proximidade de calidade. Neste senso, os servizos que se ofrecen neste programa son:
–Divulgación e sensibilización no medio rural: A través de actividades e materiais informativos.
-Servizo de información, asesoramento, xestión e consulta sobre servizos sociais e saúde. Consta de atención telefónica, presencial e online nas redes facilitadas polo Sindicato Labrego Galego, nos lugares onde se realizan actividades e a través do portal de servizos sociais aberto as 24 horas do día en www.solidaridadintergeneracional.es e www.efamilia.es
-Servizos de promoción do “envellecemento saudable en casa”. Perseguen ofrecer unha atención integral centrada na persoa e nun entorno favorable e son:
-Servizo de asesoramento para a adaptación da vivenda. En función das limitacións presentadas en cada caso para lograr unha casa accesible para toda a vida.
-Servizo de formación para o envellecemento activo e a promoción da aprendizaxe ao longo da vida. Adaptado ás necesidades do colectivo para o mantemento das habilidades e destrezas e prever ou atrasar a aparición dos déficits asociados ao envellecemento non patolóxico. Os obradoiros poderían ser: adestramento da memoria, psicomotricidade, risoterapia, informática aplicada á vida diaria, prevención da dependencia, gerontoximnasia e saúde, alimentación e exercicio, voluntariado, etc.
-Servizo de acompañamento e respiro familiar. Durante períodos acoutados de tempo, en situación de urxente necesidade debido a algunha continxencia, hospitalización, convalecencia, formación de coidadoras/es ou enfermidade prolongada de coidadoras/es familiares que se fan cargo da persoa dependente no domicilio onde resida.
-Programa de voluntariado. Para favorecer o apoio mutuo e incentivar o acompañamento a persoas dependentes con familiares coidadoras/es ou persoas que vivan soas e se visitará coa frecuencia acordada coa familia.
As beneficiarias serán persoas maiores, persoas dependentes e familiares coidadoras do medio rural da Galiza, con especial incidencia nas provincias de Ourense e Pontevedra.
Solidariedade Interxeracional é unha organización con implantación estatal, sen ánimo de lucro, que traballa para mellorar a calidade de vida das persoas maiores, dependentes e a súas coidadoras e coidadores, principalmente mulleres, especialmente no medio rural, facilitando recursos e servizos, favorecendo a aprendizaxe ao longo da vida e o envellecemento activo e saudable ademais da igualdade entre homes e mulleres e entre o medio urbano e rural. SI conta con máis de 900 convenios de colaboración con concellos e co apoio da COAG e das organizacións agrarias que a integramos, como o Sindicato Labrego Galego.