Novas

  • A Comisión contra as Minas na Terra Chá pide a dimisión do director xeral de Minas, Bernardo Tahoces

    A Comisión contra as Minas na Terra Chá pide a dimisión do director xeral de Minas, Bernardo Tahoces

    • 22,Abr 2019
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Para a Comisión de Asociación contra as Minas da Terra Chá, plataforma da que o Sindicato Labrego Galego é membro, o señor Tahoces é un vello coñecido. Dende que ocupou o cargo de director xeral de Minas, o seu labor destacou por dificultar o traballo da veciñanza que se opón a proxectos mineiros e dos colectivos a ambientais e organizacións agrarias. O impedimento continuado de acceso a información, a negativa reiterada no tempo a contestar as solicitudes demandando información de calquera tipo, etc.

    No caso da Terra Chá, a negativa a declarar as caducidades das concesións a Erimsa obrigounos a acudir no ano 2017 á Valedora do Pobo a través dun dos colectivos que integran a Comisión: o Sindicato Labrego Galego. A propia Valedora estivo máis de medio ano, de febreiro a setembro de 2017, reclamando información á Consellaría de Industria e non houbo contestación até que a Valedora lle fixo varios requerimentos e dous recordatorios de deberes legais, apercibindo da responsabilidade na que incorrerían de non facilitar a información segundo o artigo 502.1 do Código Penal (Código Penal (Ley Orgánica 10/1995, de 23 de noviembre):

    Los que, habiendo sido requeridos en forma legal y bajo apercibimiento, dejaren de comparecer ante una Comisión de investigación de las Cortes Generales o de una Asamblea Legislativa de Comunidad Autónoma, serán castigados como reos del delito de desobediencia. Si el reo fuera autoridad o funcionario público, se le impondrá además la pena de suspensión de empleo o cargo público…(Artigo 502)

    Cómpre lembrar que, no ano 2013, dende varios colectivos e veciños e veciñas a título individual, despois de que á empresa Erimsa lle fosen denegadas as licencias no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, solicitamos na Consellaría de Industria o inicio dos expedientes de caducidade das concesións mineiras por inactividade (Alicia, Karles e A Pastoriza do ano 2006, que afectan máis de 5.700 hectáreas nos concellos de A Pastoriza, Cospeito, Castro de Rei, Vilalba, Abadin e Riotorto). A día de hoxe, ningún deses colectivos tivo ningún tipo de contestación agás a recibida por medio da Valedora do Pobo coa negativa da Consellaría de Industria a iniciar os expedientes.

    É polo exposto que, dende a Comisión de Asociacións contra as Minas da Terra Chá, esiximos que, en caso de negarse a dimitir Bernardo Tahoces, se proceda a súa destitución inmediata, mentres agardamos que, por parte da Xustiza, se aclaren as posibles responsabilidades penais e se condenen as persoas responsables para que estas prácticas non se sigan dando.