Novas

  • O SLG inicia en Ourense un ciclo de palestras con “Alimentación consecuente. O cambio nas nosas mans”

    O SLG inicia en Ourense un ciclo de palestras con “Alimentación consecuente. O cambio nas nosas mans”

    • 15,Feb 2019
    • Posted By : sicom
    • 0 Comments

    Nesta primeira palestra, contamos con Santi Rodríguez Cid, labrego de Cartelle que nos explicou a súa experiencia como participante nunha Escola de Acción Campesiña e como afiliado do Sindicato Labrego Galego. Grazas ás loitas nas que está implicada a nosa organización agraria, cada vez son máis os labregos e labregas que, coma Santi, comezan a ver a importancia de traballar por demandas como a Soberanía Alimentaria, que é o dereito de cada pobo a definir as súas políticas agrarias e alimentarias; ou por maneiras alternativas e directas de comercializar os produtos do agro que deixen unhas rendas dignas para os labregos e labregas, confianza nos consumidores e consumidoras, e eviten a especulación.

    Tamén se desmentiron falsidades, como que os labregos e labregas se manteñen grazas ás subvencións. Santi explicou a súa experiencia persoal, sen opción a poder solicitar axudas que, porén, si reciben grandes industrias como o matadoiro de coellos de Celanova, que apañou 240.000 € para xestionar o tratamento de refugallos que xenera e segue a contaminar coma se non tivese recibido un céntimo.

    Nesta ocasión, foi un goce poder contar entre o público con moitos e moitas estudantes da Universidade de Ourense que escoitaron falar por primeira vez de cuestións como as devanditas. Mesmo quedamos en organizar máis charlas coma esta no ámbito universitario. Será un pracer facelo, abofé.

    Charla Santi Rodríguez Cid