En raza Limiá, Lisardo López, de Tarabelos, en Baltar, fíxose co primeiro premio; mentres que Xesús Pardal, de Moares, na parroquia de Hermedelo (Rois), obtivo o segundo. Tamén conquistou o primeiro posto Xosé Blanco, de Cimadevila (Montederramo), con Vianesa; raza na que Fernando Bouzas, de Fontefría, en Toxosoutos (Lousame), levou o terceiro. En Caldelá, Roberto Louzán, de Viascón (Cotobade), foi galardoado cun segundo posto; e, Xosé Barreira, de Muimenta (Cospeito), levou para casa dous premios para os seus cans de palleiro (1º en macho novo e 2º en femia adulta) e outros dous para os seus porcos celtas (2º en machos e 2º en recría).
Cómpre dicir que a maioría dos galardoados acumulan premios de anteriores edicións nestes certames, polo que ver premiada a excelencia do seu traballo non lles é algo novo: Xesús Pardal foi 1º en Limiá en 2016; Xosé Blanco quedou 1º e 2º nos anteriores concursos; Xosé Barreira, o 1º en porca celta adulta en 2017; e Lisardo xa é a terceira vez que ve premiada a súa vaca Laga. Pola súa banda, Fernando Bouzas non só levou un 2º premio o ano pasado tamén, senón que dous animais de raza Vianesa que vendeu da súa gandería quedaron 1º premio o ano pasado e 2º neste. Pola súa banda, aínda que Roberto Louzán era a primeira vez que se presentaba a un certame, da calidade do seu gando dan testemuña os miles de persoas que se teñen dado cita na Festa do Becerro Ecolóxico ao Espeto de Cercedo-Cotobade, que o pasado 27 de maio celebrou a súa quinta edición.
Dende o Fouce, conversamos con todos eles e foi doado sacarlles denominadores comúns á súa aposta polas razas autóctonas. Todos coinciden en valorar a rusticidade como un dos elementos que decantan a balanza a favor das nosas razas. Esa rusticidade fai que os animais podan vivir sen problema ceibos e ao aire libre e que ás penas teñan gastos veterinarios. Un bo exemplo é que estas razas bovinas, a diferenza doutras con maior aptitude comercial como a Rubia, paren soas no monte, sen axuda de ningún tipo, e nunca dan problemas nos partos. Certo que os quilos por canal que dan os xatos son menores, pero a carne é de maior calidade, e o que non se gaña por peso, afórrase en gastos sanitarios.
E, máis alá das bondades destes animais, os premiados tamén coincidiron en valorar a súa aposta polas razas autóctonas como unha defensa dun patrimonio cultural noso, do pobo galego, que debemos poñer en valor e coidar para legarllo ás xeracións vindeiras e vaian a carón delas do mesmo xeito que fixeron coas devanceiras ao longo dos séculos: como unha parte insubstituíble da nosa identidade.
De esquerda a dereita, e de arriba a abaixo: Fernando Bouzas, Xesús Pardal, Xosé Blanco, Roberto Louzán, Lisardo López e Xosé Barreira