Para empezar, a Xunta está a construír un edificio comezando polo tellado, pois o normal é que antes dese plan forestal existise unha estratexia en base á cal redactalo, e só despois proceder a facer unha Lei de Montes. Así o fan os diversos organismos con competencias en materia forestal, dende o propio Ministerio de Agricultura, a outros máis globais que, aínda que non teñen potestade para lexislar, si deseñan estratexias e planifican, como a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura (FAO) ou a Comisión Europea. Así, sen unha estratexia previa, semella que a única liña marcada en materia forestal pola Xunta é continuar a producir madeira para triturar.
Como exemplo do devandito, podemos sinalar que a exposición do e da responsábel de Medio Rural se baseou na superficie prevista para piñeiro e eucalipto, esta última en contra do criterio establecido polas directrices elaboradas polo sector. Nesa exposición, Couto e Vázquez asimilaron, moitas veces, a superficie dedicada a frondosas cos espazos protexidos ou de interese, sen facer fincapé en ningún momento na necesidade de recuperar a industria deste tipo de produción nin mencionar a importancia de establecer incentivos e beneficios para os propietarios e as propietarias deste tipo de masas.
Algo semellante ocorreu co pastoreo, englobando Medio Rural na súa exposición as superficies de pasto coa ocupada por monte raso ou de pouco arboredo, como zonas de espazos abertos; por contraposición ao monte arborado produtor de madeira, “porque ten que haber de todo”.
Todo isto contravindo totalmente as definicións dos aproveitamentos forestais na Lei 7/2012 de Montes de Galicia que deberían ser tidas en conta e desenvoltas nos plans forestais da Xunta.