Galicia é o territorio de Europa que máis diñeiro destina a extinción de incendios forestais (neste ano 174 millóns de euros). Dende hai anos, as distintas organizacións sociais temos insistido na necesidade de tratar de equilibrar o diñeiro destinado a prevención e a extinción ao igual que fan os países con cultura forestal. Ademais deste imprescindible equilibrio, é necesario realizar os traballos ao seu debido tempo e os labores de prevención deben estar feitos a comezo do verán. Unha das queixas dos e das profesionais dos servizos de prevención e extinción de incendios forestais, así como dos propietarios dos montes, é o estado de abandono da chamada infraestrutura de prevención (camiños, devasas, áreas cortalumes, xestión de biomasa nos lugares estratéxicos dos montes…). Un ano máis, a Consellaría do Medio Rural traballa ao chou sen calendario, sen obxectivos e cos labores de prevención do ano 2017 sen realizar, cando xa esta a piques de rematar o verán (época de máximo risco de incendios).
As organizacións que a comezos de verán abandonamos a última sesión do Consello Forestal (Organización Galega de Comunidades de Montes, Sindicato Labrego Galego, Asociación Frouma, Federación Ecoloxista Galega e Amigos da Terra) xa advertimos desta situación, así como da permanencia das causas na orixe dos incendios forestais:
O presidente da Xunta de Galicia e a conselleira do Medio Rural, afeitos á publicidade e á presentación de todo tipo de campañas, teñen unha boa oportunidade e poden inaugurar algunha destas obras de prevención que comezaran a finais deste setembro que, coma sempre, vanse facer a destempo, ocasionando agora un enorme gasto inútil e constatando a ausencia total de políticas para a xestión sustentable do monte en Galicia.
O Sindicato Labrego Galego, Organización Galega de Comunidades de Montes, Federación Ecoloxista Galega, Asociación Frouma e Amigos da Terra consideramos que todo o anterior é unha demostración máis da falla de rumbo na política forestal da Xunta de Galicia e tamén consideramos que estas graves eivas arranxaríanse se o Goberno Galego crease dentro do Consello Forestal as mesas de traballo que longamente temos demandado distintas organizacións que integramos o devandito órgano consultivo e asesor da administración forestal da Xunta.