Para empezar, en 2016 só se concederán axudas para paliar os danos feitos polo xabaril en cultivos do 15 de xullo ao 10 de outubro (non chega 3 meses), quedando os restantes 9 meses sen ningún tipo de cobertura. Deste xeito, os abondosos estragos producidos en cultivos como os cereais ou a pataca no que levamos de 2016 ficarán sen compensar.
Por se non abondase, dende a Consellaría de Medio Ambiente publicitan que este ano se destinará un orzamento de 600.000 euros para toda Galiza para reparar as desfeitas do xabaril, cantidade irrisoria se a comparamos coas partidas de concellos como Somiedo, na veciña Asturias, onde investirán 300.000 euros para compensar os danos da fauna salvaxe no agro.
Unha vez máis, a Xunta deixa na estacada aos labregos e labregas e volve facer gala do seu pasotismo á hora de xestionar a convivencia da fauna salvaxe coas actividades agrogandeiras e forestais.